publicidade hoxe

Rosa Quintana destaca a importancia de apoiar ao sector pesqueiro nunha actividade máis responsable

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe en Vigo a importancia de guiar e apoiar ao sector pesqueiro na consecución dunha actividade máis responsable “para fomentar o desenvolvemento sustentable e promover o progreso continuo da industria pesqueira”. Só deste xeito, incidiu, “impulsamos o marco axeitado para que as empresas poidan manter todos os seus postos de traballo e dotar de maior cohesión social ao sector”.

Así o sinalou durante a inauguración do primeiro Congreso Internacional Compliance e Sector Pesqueiro, onde tamén fixo fincapé en que no cometido de acadar unha actividade máis sustentable é clave “buscar e atopar novas fórmulas de cooperación institucional e diálogo para que o noso sector siga funcionando como motor de riqueza e emprego”.

Isto tendo en conta, explicou Rosa Quintana, que é un sector ao que inflúe normativa vinculada cos eidos sanitario e alimentario, de calidade e trazabilidade, aduaneira e de importación e explotación, entre outros ámbitos.

Neste sentido, a conselleira do Mar puxo o congreso de Compliance como exemplo de compromiso “que vai máis alá de cumprir con penas, multas e responsabilidades civís e penais asociadas e que pon en primeiro termo a ética, os valores corporativos e o clima social empresarial”. Ademais este congreso, subliñou, é ilusión por converter a obriga nunha oportunidade para a diferenciación e a xeración de valor na imaxe empresarial.

Tamén representa, engadiu Rosa Quintana, un exercicio informativo e formativo que sensibilizará ao sector na necesidade de contar con ferramentas de cumprimento normativo, a través da promoción de boas prácticas e o desenvolvemento da cultura ética corporativa.

Compliance e sector pesqueiro

O compliance ou cumprimento normativo consiste en establecer as políticas e procedementos adecuados e suficientes para garantir que unha empresa cumpre co marco normativo aplicable. O congreso que acolle Vigo desenvolverase hoxe e mañá e está organizado pola World Compliance Association (WCA) a través do Comité Compliance e Sector Pesqueiro.

Abordará diversos aspectos dos programas de cumprimento, así como as medidas a adoptar polas organizacións da industria pesqueira para facer dela unha industria mais ética, honesta e comprometida con este tema. Vai dirixido a un amplo espectro de profesionais da industria pesqueira, entre outros, armadores, empresas conserveiras, pesqueiras, frigoríficas e loxísticas. Tamén está enfocado aos profesionais dedicados á elaboración de programas de compliance nas organizacións (avogados, consultores e asesores), xa que lles permitirá coñecer as particularidades deste sector. Nel tamén participará a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez. Farao esta tarde cun relatorio sobre o sistema de trazabilidade e control en Galicia.

6 de xuño de 2018 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.