publicidade hoxe

O XII Certame de investigación Condado de Pallares pon en valor o patrimonio lingüístico galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugoPortada esquerda
A-
A+
Presentación do XII Certame de Investigación Condado de Pallares

Presentación do XII Certame de Investigación Condado de Pallares

O XII Certame de Investigación Condado de Pallares impulsa importantes traballos arredor do patrimonio lingüístico, artístico, antropolóxico e etnográfico co apoio da Xunta de Galicia, a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística. Na presentación da nova edición desta iniciativa, promovida pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, participaron hoxe o secretario xeral e Política Lingüística, Valentín García, e o delegado territorial José Manuel Balseiro.

García Gómez referiuse ao certame como “unha das grandes referencias da investigación humanística en Galicia, que ano a ano nos achega importantes contribucións ao estudo do presente, do pasado e do futuro da lingua e cultura propias”.

No acto, que acolleu a delegación territorial luguesa, participaron canda os representantes da Xunta o presidente da Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, Carlos Vázquez; o alcalde de Guntín, Jesús Carreira; o alcalde de Taboada, Ramiro Moure Ansoar; a deputada provincial de Cultura, Pilar García; o concelleiro de Chantada Daniel Otero; e mais o coordinador institucional de Abanca en Lugo, Alberto López.

Premio á investigación en galego

A Xunta de Galicia colabora con este premio -impulsado pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, canda os concellos de Guntín, Taboada e Chantada; a Deputación Provincial de Lugo e AFundación- cos obxectivos de favorecer a investigación en galego sobre a arte, a antropoloxía, a lingua ou a etnografía de Galicia a través de estudos que permiten afondar no coñecemento e tamén no recoñecemento dos valores materiais e inmateriais da cultura galega.

A el poden concorrer todas as persoas que presenten textos inéditos en lingua galega arredor da temática antedita, cinguidos ao ámbito territorial dos concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo. O prazo de presentación estará aberto ata o 30 de setembro e o 9 de novembro o xurado ditaminará o gañador/a que se fará co galardón, que inclúe unha dotación económica de 3000 euros e a publicación do traballo presentado.

Desde a súa creación, este certame premiou traballos realizados sobre diversos ámbitos da cultura galega vinculados aos territorios que no século VI se constituíron baixo o Condado de Pallares e que hoxe abarcaría os concellos de Taboada, Guntín, Portomarín, Chantada e Carballedo.

Toda a información e as bases poden consultarse no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal.

6 de xuño de 2018 | 14:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.