publicidade hoxe

O Sergas planifica unha dispoñibilidade de camas por riba da ocupación media do verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Servizo Galego de Saúde manterá operativas este verán en torno a un 88% dos total das camas dispoñibles nos centros hospitalarios da rede pública galega, unha porcentaxe similar ao de anos anteriores, e por riba da media de ocupación da tempada anterior. Cómpre destacar que as camas non se pechan e que están dispoñibles ao 100% en caso de necesidade.

A planificación asistencial lévase a cabo tendo en conta a responsabilidade principal da sanidade galega de garantir, en todo momento a seguridade e a calidade asistencial dos pacientes. Por este motivo, todas as áreas sanitarias do Sergas fan unha planificación tendo en conta os datos dos anos anteriores e os datos de ocupación.

Este tipo de planificación en xestión sanitaria non é una peculiaridade do noso sistema, senón que se fai ao longo do ano en todos os Servizos de Saúde de todo o mundo. Así, en base aos datos de veráns anteriores, a ocupación de camas de hospitais está ao redor do 75%, pero sempre se deixa unha marxe dun 12-13% ata alcanzar ese 88%, porcentaxe similar ao de outros anos.

De feito, os datos entre xuño e setembro de 2017 reflectiron unha porcentaxe de ocupación do 76,1%. Esta cifra pon de manifesto unha axeitada planificación dos recursos dispoñibles e garanten que todos os pacientes, en todos os casos, ingresan cando o precisan nunha cama a cargo do servizo especializado adecuado para a súa atención, sempre.

Esta planificación para a época estival obedece á racionalización dos recursos físicos e humanos e conta coa colaboración dos profesionais á hora de planificala, posto que eles son os maiores coñecedores do funcionamento dos centros, que manteñen toda a actividade clínica posible e garanten a atención aos procesos que non admiten demora. Hai que lembrar que a época estival é a estación do ano na que se observa unha reducción de determinadas patoloxías, como as respiratorias responsables o resto do ano dun elevado número de ingresos nos hospitais, e minimízanse as reagudizacións de enfermidades crónicas. Isto implica unha diminución da demanda asistencial e, polo tanto, dos índices de ocupación hospitalaria.

Por outra banda, hai que lembrar que actualmente máis da metade das intervencións cirúrxicas son ambulatorias, é dicir, non requiren ingreso. Así mesmo, a estancia media hospitalaria ten rexistrado unha tendencia descendente nos últimos anos.

Como medida de reforzo operativa fronte á posibilidade de que ocorran situacións excepcionais e imprevisibles, nos centros hospitalarios existe un Plan de Continxencia que permite adoptar de xeito áxil as medidas necesarias destinadas á adecuación dos recursos asistenciais.

11 de xuño de 2018 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.