publicidade hoxe

O Sergas dará cobertura sanitaria aos 60 menores rusos que pasarán as vacacións de verán en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, entregoulle esta mañá ao vicepresidente de Ledicia Cativa, José Manuel Borrajo González, os documentos acreditativos que garanten a cobertura asistencial durante o período vacacional dun total de 60 menores rusos que se desprazan a Galicia dentro do programa de acollida organizado pola Asociación Ledicia Cativa.

Dende hai anos, decenas de familias galegas acollen nos seus fogares a menores rusos procedentes de casas de acollida e familias tuteladas, afectados pola radiación nuclear consecuencia do accidente da central de Chernóbil. Os nenos e nenas veñen durante o período vacacional, este ano concretamente dende o 14 de xuño ata o 30 de agosto, a través do programa de acollemento temporal para vacacións e mellora da saúde, organizado por dita asociación.

Dende o Servizo Galego de Saúde, dáselle cobertura sanitaria aos menores e as prestacións que se lles ofrece abarcan a atención primaria, a atención especializada, e as prestacións farmacéuticas.

A atención primaria comprende a atención sanitaria nas consultas, servizos e centros de saúde; a indicación ou prescrición e a realización de probas e medios diagnósticos; as actividades programadas en materia sanitaria como a vacinación, exames de saúde e outras medidas de prevención, promoción e rehabilitación; e, ademais, programas de atención á infancia e a urxencias.

Por outro lado, na atención especializada están incluídas a asistencia ambulatoria especializada en consultas, que pode abarcar os procedementos cirúrxicos menores; a asistencia ambulatoria especializada no hospital de día, que abrangue a asistencia médica, a cirúrxica, a obstétrica e a pediátrica para procesos agudos, a reagudización de procesos crónicos ou a realización de tratamentos de procedementos diagnósticos que así o aconsellen; ademais da asistencia especializada en réxime de hospitalización. En canto á prestación farmacéutica, a colaboración establecida inclúe a dispensación prestada en réxime de internamento e a prescrita en réxime extrahospitalario.

12 de xuño de 2018 | 16:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.