publicidade hoxe

O Museo de Belas Artes convoca obradoiros para 60 rapaces de entre 7 e 12 anos en sesións prácticas e lúdicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña acompañou esta mañá na visita á Biblioteca González Garcés aos 25 alumnos de Educación Especial do club xuvenil Finisterre. Ovidio Rodeiro aproveitou o encontro para presentar a programación que os dous centros autonómicos a Biblioteca González Garcés e o Museo de Belas Artes ofertarán este mes de xullo para os rapaces entre 4 e 12 anos.

En colaboración coa Asociación de Amigos do Museo de Belas Artes, o Museo de Belas Artes da Coruña, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ten aberto o prazo para inscribirse nos obradoiros destinados a rapaces de entre 7 e 12 anos para xullo. Os obradoiros terán unha duración de 10.00 a 13.30 horas, de martes a venres, durante as tres primeiras semanas de xullo, salvo a última semana do mes que se prolongarán ata as 14.00 horas. Cada curso ten capacidade para 15 nenos polo que se ofreceran en total 60 prazas.

Partindo dalgunhas das obras que forman parte da colección do Museo de Belas Artes da Coruña, así como doutras obras destacadas da Historia da Arte, os rapaces realizan unha viaxe que parte dende as obras mitolóxicas dos autores barrocos ata os máis vangardistas e contemporáneas, buscando desenvolver o potencial creativo e a expresión corporal, fomentando a imaxinación e educando a percepción espacial; a través das artes escénicas, a pintura, a fotografía e a colaxe.

Ovidio Rodeiro destacou que “nestes obradoiros semanais, os nenos e nenas poderán coñecer os distintos tipos de manifestacións artísticas, fomentar a imaxinación e a creatividade, incrementar o interese pola arte de distintas épocas e estilos, vinculando a arte do pasado coa arte do presente e co mundo que nos rodea”. Ademais poderán fomentar o coñecemento do outro e de nós mesmos a través da plástica.

Cun custo mínimo, os rapaces que desexen participar nos obradoiros poden inscribirse chamando ao teléfono do Museo 881 881 700, en horario de mañá de luns a venres, ou enviando un correo electrónico a mu.belas.artes.difusion@xunta.gal.

Ademais, a Biblioteca Pública Miguel González Garcés tamén ten o prazo aberta para solicitar algunhas das prazas dos 3 cursos da súa programación cultura para o mes de xullo. Xogando coa Historia o xoves 5 de xullo para rapaces de 4 a 12 anos; Facemos a Nosa Casa, o xoves 12 de xullo, para rapaces de 4 a 12 anos e Escola de Maxia, o xoves 19 de xuño para rapaces de 6 a 12 anos. Todos os obradoiros teñen capacidade para 20 rapaces polo que se ofertarán en total 60 prazas e teñen unha duración de hora e media.

O prazo de inscrición comeza hoxe, 19 de xuño, e poden inscribirse chamando ao 881.960380 ou imprimir o formulario na web.

A Biblioteca tamén organizará un concurso de debuxos na caseta que este centro montará na Feira do Libro, do 1 ao 10 de agosto. Os participantes poderán entregar os debuxos que se realicen nos obradoiros ou achegar debuxos ao longo dos dous días que a Biblioteca estará nos Xardíns de Méndez Núñez. O último día de feira escolleranse os tres mellores debuxos que serán premiados cun lote de libros.

19 de xuño de 2018 | 15:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.