publicidade hoxe

O Gaiás despide ‘Nexos 2018’ analizando a evolución da música portuguesa con Teresa Salgueiro

A Cidade da Cultura de Galicia despide Nexos 2018 este sábado, 16 de xuño, abordando a evolución da música popular portuguesa nos últimos 50 anos, desde a irrupción da chamada ‘nova canção portuguesa’, co Zeca Afonso e Fausto, ata o panorama actual no que o fado foi declarado Patrimonio Inmaterial da Humanidade. Para iso, contará cunha testemuña excepcional como é Teresa Salgueiro, que durante 20 anos foi vocalista de Madredeus, unha formación que traspasou as fronteiras lusas coa súa música.

Teresa Salgueiro é unha das cantoras lusas de maior proxección mundial. Por iso, a sesión non só se limitará a entrevistala, senón a abordar como se produciu e xestou esa transformación da música popular portuguesa, tamén a través de dispor das súas vivencias profesionais ao respecto. Ademais, como alfinete de ouro deste edición, ofrecerá un pequeno concerto que permitirá os asistentes reencontrarse cunha voz cun rexistro único.

Durante o relatorio explorarase a evolución da música portuguesa tendo como data fito a declaración de Patrimonio Inmaterial da Humanidade pola UNESCO do fado, no ano 2011. Acadaba así recoñecemento unha creación cultural que soubo actualizarse ata hoxe. No entanto, o fado non esgota o repertorio das músicas portuguesas. Nos anos 60 e 70 do pasado século xorde a ‘nova canção portuguesa’ da man do Zeca Afonso, Carlos Paredes ou Fausto, combinando maxistralmente a canción de Coimbra, o cancioneiro popular portugués e o folk estranxeiro.

Ao longo desta sesión incidirase no proxecto no que participou durante vinte anos, Madredeus, formación que se converteu nun dos meirandes estandartes musicais do país, con xiras en 41 países e máis de 5 millóns de discos vendidos. Esta formación contou coa carismática voz de Teresa Salgueiro, cantante e compositora, que foi a vocalista de Madredeus (de 1987 a 2007), gravando 11 discos nesa etapa.

Pequeno concerto de Teresa Salgueiro

Na súa posterior carreira en solitario editou os discos “Obrigado” (2006, xunto a José Carreras, Caetano Veloso, Angelo Branduardi ou Carlos Núñez), “Você e eu” (2007, co Septeto João Cristal), “La Serena” (2007, con Lusitânia Ensemble), “Matriz” (2009, con Lusitânia Ensemble), “O Mistério” (2012, xa coa súa propia banda), “La golondrina y el horizonte” (2015) e “O Horizonte” (2016). En 1995 foi nomeada Oficial da Ordem do Infante Dom Henrique.

A derradeira sesión de Nexos ofrece, deste xeito, a posibilidade de contar con ela para abordar e viaxar pola evolución da música tradicional portuguesa, á vez que poder escoitala de novo grazas a un pequeno concerto, que supón todo un regalo para as e os seus seguidores.

Nexos Infantil

Ao mesmo tempo que este relatorio, e como foi habitual nas outras catro sesións, contarase cunha sesión de Nexos Infantil paralela para que os máis pequenos e pequenas da casa afonden nas mesmas cuestións que na sesión para os adultos, pero dun xeito plástico e creativo adaptado as súas idades, entre 5 e 12 anos.

No obradoiro do sábado 16 xe xuño, tirarase proveito para que os rapaces e rapazas participantes coñezan máis de Portugal a través da súa cultura, do parentesco lingüístico co galego e porase en común as experiencias e coñecementos relacionados co país veciño. A sesión tamén contará con vídeos e cancións para mergullar a cativada nunha viaxe pola música portuguesa, para coñecer o fado (dende o máis tradicional ao máis moderno), a nova canção portuguesa, Madredeus e mesmo a bandas de actualidade como The Gift ou Deolinda. Para rematar, ensinaranse algunhas cancións infantís tradicionais portuguesas, como Todos os Patinhos sabem bem nadar para rematar a sesión cantando e bailando.

O obxectivo de Nexos Infantil con estes obradoiros é que, á saída do ciclo, maiores e pequenos teñan reflexionado e aprendido sobre as mesmas temáticas, cada quen desde a súa perspectiva, para poder logo conversar de xeito interxeracional. Porá punto e final á sesión de Nexos o tradicional convite a viño e petiscos, cortesía de Bodegas Martín Códax e Pan do Mar, de Conservas Antonio Pérez Lafuente.

Cinco sesións para a sexta edición

A sexta edición de Nexos botou a andar en xaneiro de 2018 da man, como ao longo destes seis anos, de Marcos Lorenzo, combinando relatorios a cargo de destacados expertos con actuacións artísticas sorprendentes. E sempre desde un formato didáctico, ameno e distendido.

Durante as catro sesión anteriores abordáronse as dificultades na crianza das fillas e fillos e a situación dos coidados persoais nunha sociedade individualista coa socióloga Carolina del Olmo; analizáronse as claves da explosión creativa na banda deseñada e animación en Galicia cos premiados Alberto Vázquez e Manel Cráneo; afondouse no patrimonio cultural e polas fórmulas necesarias para poñelo en valor co investigador do CSIC Felipe Criado-Boada; achegámonos á actualidade do mundo árabe e musulmán coa experta Gema Martín Múñoz; e coñeceremos un chisco máis sobre a renovación e florecemento nas pasadas décadas da música popular portuguesa.

11 de xuño de 2018 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.