publicidade hoxe

O Consorcio Casco Vello de Vigo adquire o solar de Elduayen 31

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaVigo
A-
A+

O Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), participado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun 10 polo Concello de Vigo, acaba de adquirir o solar situado na rúa Elduayen 31 de Vigo.

Segundo informou hoxe o delegado da Xunta en Vigo e presidente do Consorcio, Ignacio López-Chaves, o terreo conta cunha superficie de 231 metros cadrados, dos que 125 corresponderían á superficie edificada. Ata o de agora, unicamente se procedeu á demolición da vivenda preexistente e parte da cimentación.

Neste solar, que ten tamén saída á rúa Ferrería, existía con anterioridade unha vivenda, de planta baixa e dous pisos, que foi demolida polos anteriores propietarios. Agora será rehabilitada para crear na mesma vivendas de protección autonómica, de acordo cos obxectivos fundacionais deste organismo.

Con esta última operación de compra, ata o momento actual o Consorcio do Casco Vello de Vigo leva adquiridos 75 inmobles, dos que 58 xa foron rehabilitados e tres están en execución. Rehabilitáronse 104 vivendas, das que 88 foron vendidas e 10 están ocupadas en réxime de alugueiro. Tamén se rehabilitaron 32 locais comerciais, dos que se venderon 6 e 12 están ocupados en réxime de alugueiro, estando os 17 restantes en fase de adxudicación.

Asemade, esta mañá o presidente do CCVV firmou a venda da última das vivendas de Subida o Castelo 12 completando así a promoción. As catro vivendas que se crearon teñen superficies comprendidas entre os 55 e os 76 metros cadrados útiles. Distribuídas en dúas plantas, todas teñen acceso directo desde a rúa e dúas delas contan cun pequeno xardín posterior, en tanto que as outras teñen balcóns abertos cara á rúa que dá nome á promoción. Os prezos dos inmobles oscilaron entre os 95.000 e os 125.000 euros.

7 de xuño de 2018 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.