publicidade hoxe

Nava Castro inicia unha viaxe de promoción turística a Osaka e Tokio para impulsar Galicia como destino no mercado asiático

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inicia hoxe unha viaxe de promoción turística ás cidades xaponesas de Osaka e Tokio para impulsar Galicia como destino neste mercado asiático, de especial atractivo polo interese que amosa este perfil de viaxeiro cara recursos galegos como a enogastronomía, o termalismo ou a experiencia no Camiño de Santiago.

A estadía da directora de Turismo en Xapón incluirá encontros con operadores turísticos e membros de prensa especializada en viaxes e tamén servirá para ampliar os contactos institucionais con representantes de turismo do goberno de Tanabe City, a segunda cidade máis grande da prefectura de Wakayama, ou con membros da Dirección Xeral de Turismo desta mesma prefectura, punto clave da ruta de peregrinación do Camiño Kumano-Kodo, irmandado co Camiño de Santiago desde hai 20 anos e tamén Patrimonio Mundial.

Do mesmo xeito, está prevista a presenza de deputados de Ehime, unha das catro rexións pola que discorre o Camiño de Shikoku-Henro, o itinerario de peregrinación que traballa para obter a máxima declaración da Unesco. Esta viaxe, que dá continuidade ao recente encontro mantido en Galicia, enmárcase no traballo da Xunta por avanzar na alianza de colaboración con Xapón e que está a favorecer o intercambio cultural entre ambos países.

Máis turistas e peregrinos xaponeses

Cada vez son máis os peregrinos e turistas xaponeses que recibe Galicia. O ano pasado chegaron preto de 16.000 viaxeiros de Xapón, que fixeron máis de 23.000 noites nos aloxamentos da nosa Comunidade. Estas cifras sitúan ao xaponés no posto número 12 da listaxe de principais mercados estranxeiros.

No eido do Camiño de Santiago, tamén aumentan os peregrinos xaponeses que rematan a ruta xacobea, chegando a multiplicarse por cinco o número dos que recolleron a Compostela na última década. En 2007 a cifra de xaponeses que percorría o Camiño de Santiago era lixeiramente superior aos 300 e o ano pasado roldou os 1.500.

19 de xuño de 2018 | 15:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.