publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Rural reforza en Ourense a loita contra a avespiña do castiñeiro pola importancia deste cultivo na provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseRiós
A-
A+
Ángeles Vázquez  na visita a Riós

Ángeles Vázquez na visita a Riós

A Consellería do Medio Rural está a reforzar en Ourense a loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro, tendo en conta a importancia do cultivo nesta provincia. Neste territorio e no que máis soltas do parasito Torymus sinensis se están a realizar, para combater esta praga. Así, só este ano liberáronse xa un total de 7.757 viais do parasito (cada un deles contén aproximadamente entre 35 e 36 individuos), fronte aos 2.399 viais do pasado ano. Isto supón a solta duns 275.000 individuos. Polo tanto, a liberación multiplicouse por tres. No conxunto de Galicia soltáronse ata o de agora máis de 19.000 viais con Torymus, estándo previsto superar a cifra de 20.000.

Estes datos foron explicados hoxe pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, durante a solta deste parasito no concello ourensán de Riós, que salienta pola súa produción de castaña. A titular de Medio Rural estivo acompañada neste acto polo director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, e pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, entre outras autoridades.

Ángeles Vázquez destacou que a loita biolóxica mediante a liberación deste parasitoide é o sistema máis eficaz para facerlle fronte aos danos que causa a avespiña e por iso a Xunta está a reforzar estes labores. Así, dende o 1 de marzo pasado técnicos da consellería realizaron un seguimento semanal dos máis de 9.000 puntos previstos e autorizados (polo Ministerio de Agricultura) de solta. Este traballo tivo por obxecto facer a liberación no momento máis adecuado para que o parasito teña as maiores posibilidades de éxito, tendo en conta as condicións meteorolóxicas e o estado dos soutos.

Centro de referencia

A conselleira do Medio Rural aproveitou a súa estadía en Riós para coñecer o seu Centro de Desenvolvemento Agroforestal, instalacións de referencia para o cultivo da castaña. A consellería asinou en novembro de 2017 un convenio de colaboración con este municipio ourensán para impulsar no centro un programa específico de promoción deste froito. O acordo contempla, entre outras actuacións, a prestación de servizos aos silvicultores e produtores de castaña da comarca, accións formativas, o asesoramento na comercialización e transformación do produto, o fomento do asociacionismo ou a vixilancia e loita contra as doenzas do castiñeiro.

Mediante este convenio, que estará vixente ata finais de 2019, Medio Rural achegará case 166.000 euros en tres anos para financiar estas actividades, coa contratación de técnicos e demais persoal, así como cubrindo os gastos de dotación dun vehículo todoterreo e, en xeral, de funcionamento do centro.

11 de xuño de 2018 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.