publicidade hoxe

Medio Rural inviste 31 millóns de euros para actuacións preventivas contra incendios forestais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA LarachaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+
Ángeles Vázquez na visita ás obras na Laracha

Ángeles Vázquez na visita ás obras na Laracha

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, acudiu hoxe ao concello da Laracha para comprobar un dos traballos feitos pola Xunta de Galicia de cara á prevención de incendios levados a cabo nunha das estradas do municipio. Alí, Ángeles Vázquez destacou que en só dous anos (2017-2018) a Consellería terá investido 31 millóns de euros neste tipo de traballos a través de actuacións propias, axudas a montes veciñais en man común e Sofor e convenios con administracións locais. Así, téñense subvencionado e executado rozas e clareos, novos puntos de auga e apertura de pistas e cortalumes para facilitar tamén os labores de extinción.

“Todos temos competencias e temos que actuar na medida das nosas posibilidades”, sinalou a titular de Medio Rural, e insistiu na importancia de manter as distancias marcadas para as faixas de seguridade e de plantacións de cara á temporada de verán. “Se cada un cumpre coa súa responsabilidade é sinxelo manter as franxas de protección en correcto estado”, sinalou.

Neste sentido agradeceu o esforzo levado a cabo por todas as administracións e tamén polos particulares. Admitiu que se está a notar un cambio de mentalidade e maior implicación por parte de todos os axentes implicados. Tamén destacou o importante traballo desenvolvido polos axentes e o resto de persoal da consellería á hora de localizar incumprimentos e, sobre todo, corrixir estas situacións, dado que o obxectivo non é sancionar senón manter a seguridade dos montes e, en especial, dos núcleos habitados.

No caso concreto da Laracha a actuación levada a cabo pola Xunta en colaboración co concello consistiu na limpeza da estrada que vai de Vistalegre a Paiosaco. Este labor incluíu tanto o rozado de matogueira como a retirada de arborado a ambas marxes da vía de titularidade autonómica, para garantir a seguridade dos condutores en caso de lume forestal e que implicou a actuación en máis de 100 parcelas de propietarios privados.

A conselleira estivo acompañada nesta visita polo alcalde do municipio, José Manuel López, polo director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, e por responsables territoriais que executaron a obra.

Axuda aos concellos

A conselleira tamén valorou que A Laracha sexa un dos 281 concellos de toda Galicia que teña subscrito o convenio para a prevención de incendios, uns acordos nos que Medio Rural inviste máis de 11,7 millóns de euros neste 2018 e polos que os municipios poden contratar brigadas municipais, condutores de motobomba e recibir subvencións polas hectáreas rozadas.

19 de xuño de 2018 | 15:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.