publicidade hoxe

Medio Rural desenvolve un simulacro de extinción de incendios forestais en Cortegada (Vilagarcía de Arousa)

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+
Cores Tourís no simulacro

Cores Tourís no simulacro

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, realizou esta mañá o seguimento do simulacro de extinción de incendio forestal na Illa de Cortegada, pertencente ao Parque das Illas Atlánticas, en Vilagarcía de Arousa.

Estivo acompañado polo alcalde da localidade, Alberto Varela, así como por membros dos distintos corpos que participaron no simulacro, que comezou ás 9.45 h. da mañá e rematou cerca de dúas horas despois.

No simulacro participou o Servizo de Prevención de Incendios Forestais da Consellería do Medio Rural, persoal da Consellería de Medio Ambiente, Protección Civil, Policía Local de Vilagarcía, Seprona, Policía Nacional e Confraría de Carril.

A actuación simulou un conato de incendio que se iniciou na parte alta do poboado que se atopa nesta illa, e que afectou a 4.500 metros cadrados.

En canto aos medios mobilizados, destacar un helicóptero de extinción con cuadrilla, un posto de mando avanzado, 4 brigadas, un camión motobomba, outro de Protección Civil de Vilagarcía, 4 axentes forestais e un vixilante patrón. Tamén participou un director de extinción, dúas motobombas transportables, dúas lanchas, unha patrulla da policía local e un responsable de análise do operativo.

Tal e como recordou Cores Tourís, a Illa de Cortegada presenta unha situación singular, xa que as súas características impiden dispor de persoal de extinción de incendios de forma permanente nela. “É importante realizar unha intervención rápida, ao tratarse, ademais, dun parque Nacional, o que obriga a dispor dun protocolo de intervención preciso, no que todas as operacións de acceso estean programadas e adestradas polos medios que teñen que intervir”, engadiu o delegado territorial que matizou que “este simulacro é moi importante de cara a atallar o máis axiña posible o presunto incendio forestal e que exista una clara coordinación entre tódalas administracións implicadas para que se actúe dende o minuto 1 no que se produza un sinistro destas características”.

O obxectivo deste simulacro é realizar un adestramento dos medios que poderían participar nun dispositivo de extinción, realizando tódalas operacións de extinción posibles para comprobar o correcto coñecemento por parte das persoas implicadas do procedemento de traballo nesta illa, a correcta coordinación e a comprobación de que os medios mecánicos ou técnicos funcionan correctamente.

O delegado territorial destacou que este exercicio é un paso máis dentro das medidas de coordinación que se están a desenvolver dende a administración autonómica co gallo da preparación da campaña de alto risco.

José Manuel Cores Tourís recordou que onte constituíuse o Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia (CIPIG) para a campaña 2018. O operativo de loita contra o lume estará integrado, na tempada de alto risco, por máis de 7.000 efectivos, contando os propios da Xunta, os do Ministerio de Agricultura, do Exército e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado. Disporase, ademais, duns trinta medios aéreos e de 360 motobombas, ás que se engaden cisternas, pas e outros vehículos.

7 de xuño de 2018 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.