publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Rural celebrou unha xuntanza de traballo para atallar a actividade incendiaria na comarca do Barbanza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaRiveira
A-
A+

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, presidiu esta mañá en Ribeira unha nova xuntanza de análise das causas, consecuencias e particularidades da alta actividade incendiaria, esta vez centrada na comarca do Barbanza.

A titular de Medio Rural estivo acompañada polos alcaldes de Ribeira, Lousame e Porto do Son, así como por responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado na zona, propietarios forestais e representantes de comunidades de montes e da Federación Galega de Caza, xunto a técnicos da propia consellería.

Ángeles Vázquez destacou que con esta xuntanza completou o percorrido polas catro provincias galegas para avaliar a situación das parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI), despois de visitar en días pasados Dozón (Pontevedra), Pantón (Lugo) e Vilariño de Conso (Ourense).

En total, salientou a conselleira, Medio Rural programou 15 reunións deste tipo, para cubrir a totalidade das 77 PAAI definidas no territorio. No caso concreto do Barbanza, sinalou que é unha das zonas da provincia da Coruña con máis incidencia da actividade incendiaria nos últimos anos. Por iso, nos concellos de Ribeira, Boiro, Porto do Son e Lousame están identificadas 6 parroquias. Trátase de Ribeira, Carreira e Palmeira, en Ribeira; Boiro, no concello homónimo; Ribasieira, en Porto do Son e Tállara, en Lousame.

Só nestas 6 PAAI rexistráronse nos últimos dez anos un total de 358 incendios, que afectaron máis de 2.200 hectáreas, o que dá idea, dixo a conselleira, da preocupante situación que se vive no Barbanza respecto aos incendios forestais.

5 de xuño de 2018 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.