publicidade hoxe

Lugo acolle novas accións formativas para facilitar a creación e consolidación de empresas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugo
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape e conxuntamente coa Fundación Instituto Cameral para a Creación e Desenvolvemento da Empresa (Incyde), impulsa a partir da próxima semana un novo curso de formación e asesoramento orientado a facilitar a creación ou consolidación en Lugo de novos negocios por autónomos ou emprendedores.

Esta nova acción de formación e asesoramento desenvolverase ao longo de sete semanas e inclúe titorías adecuadas ás necesidades dos proxectos para facilitar a consolidación de novas iniciativas empresariais. Os emprendedores interesados en participar poden inscribirse a través da web da Fundación Incyde.

Cofinanciado nun 80% polo Fondo Social Europeo (FSE), este novo curso de formación e asesoramento comezará o próximo luns, día 11 de xuño, no Centro de Formación Profesional Ocupacional (Paseo dos Estudantes, 33) e ten como obxectivo fundamental o de achegar asesoramento personalizado para facilitar o autoemprego ou a consolidación e crecemento de empresas na provincia.

No marco deste programa que se desenvolve en colaboración coa Fundación Incyde comezan esta semana outros cursos de formación e asesoramento para a creación e consolidación de empresas en Monforte de Lemos (Lugo) e en Ponteareas (Pontevedra). A próxima semana, o luns día 11, tamén comezará o curso de creación de empresas en Beade (Ourense) .

A través desta iniciativa búscase facilitar, especialmente nas diferentes comarcas afectadas polos incendios rexistrados en Galicia durante o ano pasado, formación e asesoramento a máis de 250 autónomos, emprendedores e empresarios, deica fin de ano. En Beade e Ponteareas xa se desenvolveron as primeiras convocatorias destes cursos, nos que participaron máis de medio cento de emprendedores e autónomos.

Esta iniciativa pretende acelerar a implantación e o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio, aumentando as probabilidades de éxito das ideas impulsadas por autónomos, emprendedores e empresarios, facilitando a súa posta en marcha ou a súa consolidación nas primeiras fases.

Con asesoramento nos ámbitos do emprendemento e o autoemprego, os participantes accederán a unha visión global das distintas áreas funcionais dun negocio. Deste xeito, os alumnos poderán avanzar no desenvolvemento do seu plan de empresa e localizar oportunidades no mercado, contando con ferramentas de xestión para facilitar a posta e a consolidación dos seus proxectos.

Como continuación das accións formativas que comezan esta semana, os participantes, especialmente a través do Igape, poderán seguir accedendo ao asesoramento especializado ou titoría que precisen, así como ás axudas do programa Galicia Emprende, ou a préstamos directos no marco do programa de instrumentos financeiros innovadores (IFIs) para financiar os seus proxectos empresariais.

6 de xuño de 2018 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.