publicidade hoxe

Galicia representará a todas as comunidades ante o Consello Europeo de Ministros de Medio Ambiente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

Galicia vén de asumir oficialmente a representación e a coordinación da posición común das comunidades españolas ante o Consello de Ministros de Medio Ambiente da Unión Europea. A Xunta toma así o relevo do Goberno vasco e durante o segundo semestre do ano exercerá o papel de representante autonómica nas dúas sesións do Consello previstas para outono e nos grupos de traballo de medio ambiente da UE.

O traspaso fíxose efectivo hoxe en Bilbao, nun acto durante o que a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, recibiu a testemuña en nome da Xunta da man da viceconselleira de Medio Ambiente vasca, Elena Moreno, e do director do Ihobe (Sociedade Pública de Xestión Ambiental), Jesús Losada, que lle fixeron entrega do rolo de cociña que simboliza a asunción do relevo.

Durante a súa intervención, Ferreira Costa agradeceu a confianza do resto de comunidades ao depositar en Galicia a súa representación ante a UE en materia de medio ambiente nos próximos meses. Así, considerou “un honor” asumir este papel nun momento en que Europa ten o reto de traballar en rede e desde unha fronte común para encarar os principais desafíos que marcarán a axenda europea en materia medioambiental a curto e medio prazo.

Está previsto que o Consello Europeo de Ministros de Medio Ambiente se reúna o 9 de outubro, en Luxemburgo, e o 20 de decembro, en Bruxelas, dúas citas nas que será Austria, que asume a presidencia rotatoria da UE durante o próximo semestre, o país encargado de definir os principais temas a tratar.

En ambas reunións, a Xunta, como integrante da delegación española, será a encargada de defender ante os ministros europeos a posición común do conxunto das comunidades, unha postura que previamente terán que consensuar e trasladar ao Goberno do Estado a través do Consello Consultivo de Política Medioambiental para Asuntos Comunitarios.

Algúns dos temas que previsiblemente se abordarán nos Consellos de Ministros de Medio Ambiente deste outono serán as medidas a adoptar para camiñar cara a unha mobilidade e un transporte máis sustentables, a estratexia de plásticos dun só uso e a posición da Unión Europea na próxima Conferencia das Partes sobre Cambio Climático (COP 24), que se celebrará en Katowice (Polonia) a finais deste ano.

28 de xuño de 2018 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.