publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Francisco Conde reivindica o deseño galego como a panca da innovación que permitirá a mellora da competitividade do tecido empresarial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrolLocal PortadaPortada dereita
A-
A+
Conde na visita ao I Encontro de deseño para a innovación empresarial en Galicia

Conde na visita ao I Encontro de deseño para a innovación empresarial en Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe no I Encontro de deseño para a innovación empresarial en Galicia que se celebrou no CIS Galicia de Ferrol, onde reivindicou o papel do deseño galego como a panca de innovación para a mellora da competitividade empresarial.

Este encontro é o punto de arranque da posta en marcha do novo programa do Goberno galego en materia de innovación Deseño para a Innovación 2020 no que a Xunta investirá ao redor de 2 millóns de euros para fomentar o deseño como un elemento máis do día a día das empresas da Comunidade, xa que as compañías que invisten nel son más rendibles e experimentan un crecemento maior e máis rápido. “O obxectivo é que o tecido empresarial galego utilice o deseño como un elemento de innovación que permita unha mellora competitiva e de produtividade, así como posicionarse no eido internacional”, explicou Conde.

Na súa intervención, o conselleiro sinalou que con este novo programa Galicia é unha Comunidade pioneira ao incluír nas súas políticas públicas de innovación o deseño. Adiántase, deste xeito, a unha necesidade que é obxecto de consenso internacional para facer de Galicia un territorio cunha economía máis forte colocando o deseño no lugar que merece. Lembrou que non se parte de cero e que, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), xa se deron pasos a través dos programas europeos Design 4 Innovation e User Factor.

Conde fixo fincapé en que a Comunidade conta co talento preciso, a través de profesionais e empresas que están destacando por incorporar o deseño nas súas estratexias, e o apoio institucional para que o deseño se converta en Galicia nun elemento de diferenciación, ao vincular as políticas de innovación a través do deseño coas políticas industriais.

Deseño para a Innovación 2020, enmarcado no plan Galicia Innova, pretende incorporar e sistematizar tanto o deseño industrial como o gráfico, de produto, organizacional, dixital e multimedia nas empresas galegas. O novo programa ten tres obxectivos básicos: mellorar o coñecemento e comprensión do deseño como un factor estratéxico para a innovación e a competitividade empresarial que vai máis aló do seu valor estético; capacitar a empresas e emprendedores para que invistan en deseño e promovan a innovación en novos produtos, servizos, procesos e estratexias de negocio; e poñer en valor a figura do deseñador industrial como elemento clave na diferenciación das empresas. Deste xeito, Galicia gañará en competitividade, grazas a compañías máis innovadoras e con persoal máis cualificado, para crear máis riqueza, emprego e calidade de vida.

Dentro das accións máis inmediatas que se van levar a cabo, Conde destacou a análise do estado do deseño en Galicia coa elaboración dun mapa de axentes que permitirá identificar boas prácticas e definir as mellores axudas para que as empresas invistan en deseño. Ademais crearase a primeira rede de axentes de promoción e colaboración entre o sector do deseño, as empresas e os emprendedores. Neste sentido, Conde pediu a implicación de todo o ecosistema galego, desde deseñadores a empresas, pasando por asociacións, institucións, clusters, escolas e universidades, para traballar na mesma dirección e facer de Galicia un referente neste eido.

No encontro, organizado dentro dos obxectivos do novo programa de realizar accións para a divulgación do deseño, déronse a coñecer casos de éxito tanto de deseñadores como de empresas galegas que están a traballar para importantes marcas; permitiu a organización de reunións entre os asistentes e contou cun espazo expositivo.

28 de xuño de 2018 | 16:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.