publicidade hoxe

Francisco Conde avanza dúas novas axudas para os autónomos para favorecer o relevo xeracional e para apoialos nunha segunda oportunidade

Francisco Conde na VI Mesa do Emprego Autónomo

Francisco Conde na VI Mesa do Emprego Autónomo

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avanzou hoxe, tras a súa participación na VI Mesa do Emprego Autónomo, dúas novas medidas que a Xunta porá en marcha nas próximas semanas a través da súa convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG) para apoiar a este colectivo. Así mesmo, informou das campañas de formación en prevención de riscos laborais que desenvolve o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA).

Conde indicou que a nova orde de axudas ao relevo xeracional promoverá a transmisión nos negocios dos traballadores por conta propia que estean próximos á idade de xubilación, lembrando que na actualidade en Galicia máis do 30% dos autónomos galegos se sitúa por riba dos 55 anos. Este programa, consensuado co sector, ofrecerá asesoramento no traspaso da actividade económica se a persoa traballadora conta con 63 anos ou máis, ten unha declaración de incapacidade total ou se trata dun herdeiro no caso de falecemento do titular da empresa. “Facilitaremos a intermediación para identificar as condicións óptimas do traspaso e para facilitar os plans de formación do novo autónomo”, explicou Conde.

Con respecto ao programa de axudas para a segunda oportunidade, o titular de Economía apuntou que o obxectivo é que toda persoa autónoma que queira reemprender un negocio poida facelo adquirindo un compromiso de formación. Así, esta liña de axudas centrarase na formación para que os beneficiarios poidan afrontar a nova actividade con todas as garantías e incluirá un bono específico para investimentos que lles permita afrontar as novas necesidades. Os apoios, tal e como subliñou o conselleiro, serán compatibles con outros programas que a Xunta ten a disposición deste sector.

Conde sinalou que con estas dúas novas iniciativas, o Goberno galego continúa co seu compromiso de apoiar a un colectivo que é a columna vertebral da economía. Indicou a importancia da Mesa do Autónomo, un foro de participación, coordinación e colaboración entre as asociacións principais do sector para impulsar iniciativas de fomento e axuda ao autoemprego e ao emprendemento.

Da Mesa do Autónomo tamén forma parte o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA). Neste senso, o conselleiro informou das diversas campañas de información e sensibilización que se están desenvolvendo para promover un emprego saudable e seguro destacando que “a aposta pola seguridade e a saúde laboral é unha prioridade nas nosas políticas de emprego”.

Por último, sinalou a necesidade de seguir aprobando iniciativas que lle dean seguridade e garantías a este colectivo recordando que a Administración autonómica apoia aos traballadores por conta propia cunha media de 40 millóns de euros ao ano a través da Estratexia Autónomo 2020. Puxo tamén en valor a Mesa do Autónomo resaltando que son xuntanzas que se están a celebrar de xeito regular para manter “un contacto fluído”.

13 de xuño de 2018 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.