publicidade hoxe

Francisco Conde: “a alianza con Castela e León e Asturias é clave para consolidar o noroeste peninsular como un polo de emprendemento e innovación”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+
Francisco Conde no Northwest Investor´s Day

Francisco Conde no Northwest Investor´s Day

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe en Xixón (Asturias) na inauguración do Northwest Investor’s Day que a colaboración de Galicia, Castela e León e Asturias é clave para consolidar o noroeste peninsular como un referente empresarial e como un polo de emprendemento e innovación.

Na súa intervención, Conde apuntou que “as administracións temos que abrir as pontes e servir de plataforma para que as nosas empresas e a nosa industria poidan seguir medrando e creando emprego e para que encontren os mecanismos para responder aos retos da nova economía”. O conselleiro sinalou que “o talento e a innovación son os elementos que están marcando eses retos”, subliñando que o capital risco, tanto no ámbito público como no privado, pode permitir que a capacidade de crecemento e de consolidación das empresas sexa cada vez maior.

Incidiu Francisco Conde en que as tres comunidades están unidas por un mesmo obxectivo: “que non haxa ningún proxecto en ningún caixón por falta de apoios financeiros”. O conselleiro subliñou que a clave é a cooperación público-privada, para poder responder ás necesidades de financiamento dos proxectos de emprendedores, pemes e micropemes.

Sinalou ademais que “sumando podemos multiplicar os resultados” e apuntou a importancia de que o tecido empresarial “teña tamén esa visión colaborativa e que polo tanto se derruben esas fronteiras que xa non existen desde o punto de vista da economía global”.

Neste sentido, apuntou que as tres comunidades xa están facendo esforzos conxuntos en moitos ámbitos, sinalando que “temos que seguir traballando conxuntamente para que o Corredor Atlántico se poida incluír na rede transeuropea” e que sexa unha plataforma “que tamén nos una e nos faga máis fortes ás comunidades autónomas do noroeste peninsular”. Sinalou como aspectos nos que abrir vías de colaboración a loxística, a simplificación administrativa ou os incentivos fiscais.

Apuntou o conselleiro que o Northwest Investor’s Day, no que están a participar 75 empresas, un terzo delas galegas, pode ser un punto de partida para reforzar a colaboración no ámbito económico, unha alianza na que deben participar administracións, tecido produtivo e os centros de coñecemento para dar resposta aos retos da nova economía.

No encontro que se celebra en Xixón, no que colaboran Galicia, Castela e León e Asturias, participan tanto startups que buscan capital semente como empresas xa consolidadas que buscan capital para crecer.

Galicia é a terceira comunidade con maior número de operacións de capital risco, sumando en 2017 o 12% do total do Estado, así como a cuarta con maior investimento en startups, e a cuarta en número de operacións neste ámbito. Ademais, Galicia atópase á cabeza de apoios a iniciativas en fase temperá, e a carteira de investimentos sitúase en 628,7 millóns de euros, a sexta máis voluminosa.

Para facilitar o acceso ao crédito, a Xunta conta cun compendio de apoios que, ademais de capital risco, inclúen avais, garantías ou préstamos, no marco do programa Galicia 1000, a través do cal se apoiaron en 2017 máis de 3.000 proxectos. Este ano prevese superar as 3.100 iniciativas apoiadas, mobilizando así 500 millóns de euros.

5 de xuño de 2018 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.