publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Ethel Vázquez avanza a licitación do conxunto da intermodal de Pontevedra despois do verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedraPortada esquerda
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta licitará a finais de verán as obras do conxunto da intermodal de Pontevedra co obxectivo de iniciar os traballos a comezos de 2019.

A conselleira, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou hoxe o deseño da estación intermodal, cuxos proxectos definitivos estarán dispoñibles en xullo.

Vázquez Mourelle indicou que se trata dun conxunto de actuacións coordinadas e complementarias que permitirán, en definitiva, a humanización do espazo para acadar un conxunto intermodal pensado para as persoas. Precisou que este obxectivo requirirá dun investimento de 5,2 M€, que se eleva ata os case 5,5 M€ ao ter en conta as asistencias técnicas necesarias, dos que máis de 4 millóns serán achegados pola Xunta e aproximadamente 1 millón de euros polo Concello.

A conselleira explicou que cómpre asinar un novo convenio que concrete os parámetros de desenvolvemento de todos os traballos e que ratifique os compromisos xa asumidos pola Xunta e o Concello. Neste sentido, hoxe trasladoulle ao rexedor un borrador de convenio para que, ao tempo que se avanza no deseño e se ultiman os proxectos, se adiante a tramitación administrativa.

A titular de Infraestruturas salientou que o obxectivo do deseño é converter dúas estacións moi próximas, a de autobuses e a de ferrocarril, nun complexo intermodal que, á vez que facilita os desprazamentos tamén humaniza o contorno urbano das terminais e fai cidade.

Indicou que o traballo dos últimos meses posibilita contar cun deseño completo de todo o complexo intermodal: a terminal de autobuses renovada e modernizada, o vínculo peonil entre as dúas estacións a través dun itinerario cuberto e a adecuación de todo o seu contorno, unha actuación posible grazas ao novo acceso directo coa rúa Josefina Arruti.

No que se refire á remodelación da estación de autobuses, levarase a cabo tanto desde o punto de vista funcional como estético, convertendo o actual edificio nunha instalación máis accesible, máis eficiente enerxéticamente, e máis acolledora.

No eido da intermodalidade, conseguirase unha conexión máis sinxela e segura para os peóns entre as dúas estacións, un itinerario peonil cuberto que se complementará cunha reordenación urbana de toda a fronte da estación que mellorará a seguridade viaria e permitirá recuperar un espazo público para os cidadáns.

A conselleira concretou que isto será posible grazas á eliminación dos actuais accesos de autobuses construíndo un novo dende a rúa Josefina Arruti, onde se instalarán semáforos regulados a demanda e carrís de espera.

Destacou que estes traballos tamén permitirán recuperar un novo espazo para o desfrute cidadá, coa rexeneración do contorno do río Gafos, a carón da estación de autobuses. Así, eliminaranse os actuais marcos de encauzamento e destaparase o río, adecuando esta zona coa construción dunha pasarela de madeira que facilite o paseo.

Lembrou que cómpre preparar a cidade para os seguintes retos que ten o transporte público.

18 de xuño de 2018 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.