publicidade hoxe

Entréganse os diplomas de cursos de formación desenvoltos pola Asociación Plataforma polo emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

O director xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia, Arturo Parrado, acudiu ao acto de presentación da memoria de actividades da Asociación Plataforma polo emprego, celebrada esta mañá en Santiago de Compostela. Posteriormente, tivo lugar tamén a entrega dos diplomas acreditativos aos participantes en diferentes accións formativas.

Concretamente, fíxose entrega dos diplomas do programa Emerxendo no que se inclúen os cursos de limpeza, tratamento e mantemento de superficies e mobiliario interior en edificios e locais e o curso de preparación de competencias clave nivel 2 impartido en Boiro, Noia, Rianxo, Ames e Lalín. Tamén se fixo entrega das acreditacións do programa Achegando, de apoio ás xestións cotiás das persoas dependentes; do programa Cabo Dela que abrangue formación dirixida a persoas emprendendoras e a preparación para competencias clave nivel 2 en Santiago; e por último do programa Compostela convive sobre habilidades sociais e busca de emprego por medio das novas tecnoloxías e inmersión lingüística e a preparación de competencias clave en lingua galega e relacións laborais.

O director xeral felicitou aos participantes nestas accións formativas nas que tiveron a oportunidade de mellorar a súa capacitación laboral e de ampliar os seus coñecementos. Parrado fixo fincapé na importancia destes cursos como medio para axudar á integración socio laboral.

Neste sentido, Parrado destacou o compromiso e a colaboración achegada pola Administración Autonómica á Plataforma para o emprego para este fin, lembrando que, para as anualidades de 2017 e 2018 a Consellería de Política Social concedeu 61.826,28 euros para a realización destes cursos e outras accións.

Ademais, o titular do departamento autonómico aseverou que a Xunta seguirá a traballar en prol das persoas e familias máis vulnerables con políticas activas de apoio e integración, como o Plan de Inclusión, cofinanciado parcialmente polo Fondo Social Europeo e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Así mesmo, seguirase reforzando a orde de axudas a entidades de iniciativa social. De feito o importe desta orde multiplicouse por dous nas últimas tres convocatorias ata acadar na actualidade os 10 millóns de euros, e na seguinte convocatoria, que xa foi aprobada polo Consello da Xunta e está próxima á súa publicación no DOG, incrementarase ata os 15 millóns de euros e ampliará por primeira vez o prazo subvencionable das actuacións financiadas ata os dous anos (24 meses), dando resposta ás demandas das entidades, que deste xeito disporán dunha maior estabilidade na súa planificación e programación.

E, ademais, traballarase no eido da inclusión a través da aplicación das medidas recollidas na Axenda Social de Galicia, instrumento para combater a pobreza e a exclusión consensuado cos concellos e as entidades sociais.

Por último, o director xeral destacou que o Executivo autonómico segue a aumentar os fondos destinados á area de inclusión, sendo o orzamento deste departamento para o presente ano de 115,2 millóns de euros, un 8% máis que no exercicio anterior.

13 de xuño de 2018 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.