publicidade hoxe

As 124 bandeiras azuis sitúan Galicia como un destino turístico de costa de calidade e sustentable

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Entrega das bandeiras azuis

Entrega das bandeiras azuis

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que as 124 bandeiras azuis da Comunidade sitúan Galicia ante o mundo como un destino turístico de costa de calidade e sustentable.

Durante o acto de entrega das Bandeiras Azuis 2018, Feijóo subliñou que os 109 distintivos dos areais galegos, repartidos por 34 concellos, garanten aos visitantes que nesa praia as augas son dunha calidade excelente, que o turismo non está enfrontado co respecto á contorna e ao medio mariño, a accesibilidade e a inexistencia de barreiras arquitectónicas e as máximas garantías de seguridade, con profesionais de salvamento, socorrismo e primeiros auxilios.

Ademais das praias, Feijóo salientou que 15 portos deportivos obtiveron tamén este galardón, “converténdonos na segunda comunidade mellor valorada polo xurado internacional da Fundación para a Educación Ambiental”, explicou, ao que engadiu que Galicia seguirá, ademais, sendo líder en sendeiros azuis, que distinguen os 23 camiños cara a praias ou portos máis respectuosos co medio natural, como o sendeiro atlántico que percorre a costa coruñesa desde O Parrote ata O Portiño, ao longo de máis de 12 quilómetros.

Así mesmo, Galicia terá tamén 17 centros azuis -unha cuarta parte do total de España-, nos que se ofrece educación ambiental e unha distinción temática ao concello de Cervo, pola súa aposta pola educación ambiental e a concienciación dos galegos do futuro, a través da campaña de sensibilización que levou a cabo na praia do Torno.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta recordou que nese compromiso por unhas augas limpas, o Goberno galego leva investidos desde 2009, 1100 millóns de euros en saneamento, que permitiron poñer en marcha: 45 depuradoras, entre elas a de Vigo, a depuradora máis grande construída en España, cun investimento de máis de 200 millóns de euros; e máis de 350 actuacións nesta materia, que beneficiaron a 165 concellos, a máis da metade dos municipios galegos.

Nesta liña, precisou que algunhas destas actuacións contribúen decisivamente ao saneamento da ría do Burgo, onde se investiron máis de 100 millóns de euros; ademais dunha achega de seis millóns para o tanque de tormentas de Santa Cruz e os bombeos do Temple e da Pasaxe, que estarán rematados ao longo deste ano.

Feijóo concluíu recoñecendo o labor de todos os que traballan por que os areais galegos sexan unha referencia a nivel español en calidade ambiental e turística; “o esforzo que fan por conservalas, dotalas de servizos e facelas accesibles”, dixo, aseverando que este traballo fai posible que unha de cada cinco praias do país con bandeira azul estea na comunidade galega.

“Galicia está, en definitiva, a realizar unha aposta colectiva polo crecemento turístico baseado na excelencia: excelencia na atención ao visitante, nas experiencias que se ofrecen e na conservación do medio natural”, sentenciou.

13 de xuño de 2018 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.