publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Ángela Fernández Rey presenta en Ourense o conto infantil-xuvenil “Chitón ata a Fin da Terra”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurensePortada dereita
A-
A+
Portada do libro

Portada do libro

O Liceo de Ourense acolle este martes 19 de xuño, ás 20.00 h, a presentación do conto infantil-xuvenil “Chitón ata a Fin da Terra” publicado por Edicións Fervenza, e da autoría de Ángela Fernández Rey e con ilustracións de Anabel Montouto.

 No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, a autora estará acompañada da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez; da profesora e escritora Celia Díaz Núñez; o xerente do Liceo de Ourense, José Luis Troitiña; e a ilustradora da obra, Anabel Montouto. Ademais contarase con acompañamento musical a cargo de Antía Guillén e Xose Antonio Rodríguez e lectura do conto por parte de Melany Granda Gómez e Sofía Rodríguez Fernández.

 A obra

Chitón é un pequeno morcego que desexa ver polo día o que hai fóra da súa cova. Coñece a Gavi, unha gaivota a quen convence para que o leve ver os lugares da zona. Esta, mentres lle mostra as marabillas da contorna de Fisterra, trata de facerlle entender que a súa vida ten que desenvolverse pola noite.

Con este conto, o lector/a poderá subir con Chitón ao lombo de Gavi e gozar desta magnífica excursión onde verá, a vista de paxaro, todo o que eles ven e, cando rematen a lectura, de seguro terá aprendido cousas que antes non sabía. 

Colaboracións 

Esta publicación, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración da secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. 

A autora 

Ángela Fernández Rey é natural de Ourense, cidade das Burgas, chamada tamén Terra da Chispa.

É Técnica Especialista na rama Administrativa e Comercial. Na actualidade reside no Concello de Ames, moi preto de Compostela onde traballa como funcionaria da Xunta de Galicia. 

En 2012 gañou o X premio Pura e Dora Vázquez de narración infantil e xuvenil, da Deputación de

Ourense, co conto “Por que está triste Miañas?”. En 2016 foi unha das 6 persoas gañadoras do Certame Literario de poesía do Concello de Amoeiro coa poesía “O meu mundo”.

Colabora coa Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos (Teo), como membro do xurado do certame de poesía ANOMAR.

19 de xuño de 2018 | 10:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.