publicidade hoxe

A Xunta visita aos 23 correspondentes xuvenís do IES Saturnino Montojo que colaboran na difusión de información para a mocidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou esta mañá ao alumnado participante no Programa Correspondentes Xuvenís da Xunta de Galicia, co obxectivo de poñer en valor o traballo que están a realizar como antenas informativas para difundir nos seus centros de ensino programas e información de interese xuvenil.

No IES Saturnino Montojo o grupo de correspondentes está formado por 23 persoas, que son as encargadas de informar aos seus compañeiros de aula, amizades e coñecidos de convocatorias, recursos e programas que poidan ser do seu interese. Cecilia Vázquez destacou a importancia da dinamización da información xuvenil dentro do propio sistema educativo e que sexan os alumnos e alumnas os que se ocupen desta tarefa, o que permite ter unha rede de difusión da información dirixida á xente nova realmente eficaz.

Ademais de propiciar a participación da mocidade, este programa é tamén unha aposta pola educación non formal, posto que os correspondentes adquiren competencias relacionadas co liderado, así como con habilidades comunicativas e sociais; ao tempo que fomentan valores positivos como a solidariedade e o voluntariado.

O programa Correspondentes Xuvenís 3.0 no presente curso escolar conta con 618 participantes no conxunto de Galicia, ao redor de un centenar máis que na edición anterior. Son mozos e mozas que estudan segundo ciclo de secundaria, bacharelato ou ciclos medios e superiores de formación profesional. En Ferrol, ademais dos 23 estudantes do IES Saturnino Montojo, participan tamén o IES Sofía Casanova con 21 correspondentes, o Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Rodolfo Ucha con dous e o Colexio La Salle con outros dous.

Os correspondentes xuvenís reciben información de xeito periódico desde o Centro coordinador de información xuvenil da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, así como dos Espazos Xove da súa zona, sobre aqueles temas que poden ser de interese para os mozos e mozas como os propios programados pola Dirección Xeral, bolsas de axuda, ofertas de emprego, enderezos e recursos de interese, aloxamentos xuvenís ou ocio e tempo libre. Unha vez recollida a información, os correspondentes a difunden entre os seus compañeiros a través de diferentes medios como taboleiros no propio centro educativo, blogs ou redes sociais.

A Xunta recoñece o tempo que estes correspondentes dedican a esta actividade mediante un certificado expedido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ao remate do curso escolar. Ademais, os participantes neste programa reciben de maneira gratuíta o Carné Xove, así como aqueles outros carnés destinados á mocidade

19 de xuño de 2018 | 15:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.