publicidade hoxe

A Xunta traballará para a sinalización e mellora das 12 rutas ciclistas protexidas identificadas en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, compareceu hoxe na Comisión non permanente de estudio sobre a seguridade vial en Galicia, na que avanzou que a Xunta está a estudar a mellora e sinalización na parte correspondente a estradas autonómicas das 12 rutas ciclistas protexidas identificadas en Galicia de modo que se aumente a seguridade deste colectivo vulnerable.

Menéndez subliñou que a Xunta ten asumido o compromiso de levar a cabo as actuacións precisas para sinalizar a presenza de ciclistas nestas vías, algo que se realizará xa a curto prazo e en colaboración coa Garda Civil. A continuación, analizaranse os traballos concretos para facer que estes treitos sexan máis seguros para os ciclistas, coa retirada, por exemplo, de posibles obstáculos das beiravías ou a mellora das marxes.

O Goberno galego está a prestar especial atención a incrementar e protexer a seguridade dos usuarios máis vulnerables nas estradas como son os peóns e os ciclistas. Neste sentido, a concienciación é fundamental, polo que actualmente a Xunta está a desenvolver a nova campaña ‘Metro e medio’, co obxectivo de fomentar a convivencia e o respecto entre os distintos usuarios da estrada, salvagardando a seguridade dos ciclistas.

Con este programa incídese na distancia lateral mínima de seguridade que se debe deixar sempre ao adiantar a un ciclista, metro e medio, sumándoa a esa mensaxe de concienciación de que os ciclistas se fagan visibles.

O Goberno galego vén traballando nos últimos anos na necesidade de facerse ver por parte destes usuarios vulnerables nas estradas. Así, xa se repartiron máis de 1.600 cortaventos reflectantes entre os ciclistas para previr atropelos, aos que se sumarán este ano outros 3.000 cortaventos.

O director sinalou que a Xunta ten en marcha outras medidas como a de levar a 40 colexios e a 7.200 escolares do rural a campaña “O corazón está do teu lado”, con 2.400 unidades didácticas e 7.200 dispositivos luminosos; ou a de impartir 16 novos cursos de condución segura de motos entre 2018 e 2019.

A seguridade viaria, unha prioridade

Francisco Menéndez manifestou o compromiso da Xunta coa seguridade viaria, cuxa folla de ruta está contemplada no Plan de seguridade viaria 2016-2020, que ten como obxectivo reducir nun 50% as vítimas mortais nas estradas galegas con respecto a 2011.

A Xunta continúa co Plan de reforzos de firme para garantir a conservación das estradas, polo que este ano reservou unha partida de 20 M€, cinco máis que no exercicio anterior, que xa posibilitaron licitar 22 obras.

O director indicou que tamén segue o desenvolvemento do Plan de sendas de Galicia, co que xa se levan construídos máis de 70 km de itinerarios peonís e ciclistas seguros, sostibles e integrados na paisaxe, cun investimento de máis 24 M€.

Ademais, nos próximos meses se intensificarán os traballos da Estratexia para a eliminación dos treitos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas, con 98 actuacións que suporán un investimento de máis de 12 M€.

7 de xuño de 2018 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.