publicidade hoxe

A Xunta salienta o impulso do traballo entre a mocidade con programas como Emprega Xuventude con axudas de ata 7000€

Covadonga Toca na visita a Dinahosting

Covadonga Toca na visita a Dinahosting

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, salientou hoxe en Santiago, unha visita que desenvolveu á empresa Dinahosting (dedícase á xestión de aloxamento web e dominios), o traballo que está a facer o Goberno galego para impulsar o emprego entre a mocidade, que no último ano e, tal e como reflicten os últimos datos de paro rexistrado publicados hoxe, baixou nun 14,10%.

Así, Toca expuxo varias das medidas que está executando a Administración autonómica para impulsar o traballo entre os máis novos, co obxectivo de identificar saídas laborais para os novos perfís profesionais e poder, desta forma, anticiparse ás novas tendencias nos sectores estratéxicos, poñendo en marcha accións de capacitación e especialización.

Entre as iniciativas que se están executando, Toca destacou o programa Emprega Xuventude, unha experiencia piloto que se puxo en marcha o pasado ano, coa que se busca mellorar a situación profesional da mocidade galega, con especial atención aos que carecen de experiencia laboral.

A través dun bono de 7000 euros, esta iniciativa financia nas empresas a formación á carta dos traballadores e incentiva a súa contratación. Este ano, como novidade, amplíase o programa a todos os sectores de actividade (en 2017 limitouse ás empresas da Industria 4.0 e a agroalimentación) para contratar 300 menores de 30 anos. Para iso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá preto de 1,9 millóns de euros. En xeral, as empresas poderán presentar as solicitudes a este programa ata o 30 de setembro.

O bono formación de 2000 euros concédese ás empresas para que poidan impartir cualificación á carta e axustada ás súas necesidades, é dicir, a formación céntrase nas características do posto para o que é contratado o mozo ou moza. Nesta edición, como novidade, este bono será opcional. Ademais, para incentivar a contratación, outórgase, tamén ás compañías, un bono de 5000 euros para apoiar a contratación ao longo dun ano como mínimo.

Outra das novidades deste ano, ademais da ampliación a todos os sectores de actividade e do carácter opcional do bono formación, é que se elimina o número mínimo de traballadores a contratar por parte das empresas para que poidan ser beneficiarias das axudas.

Toca informou aos responsables da empresa Dinahosting deste programa de axudas, do que a compañía foi o ano pasado beneficiaria, e, ademais, abordou outras iniciativas neste campo e vinculadas tamén co fomento do emprego entre as persoas en risco de exclusión social.

Nova Lei de contratos

A secretaria xeral de Emprego, doutra banda, participará tamén esta mañá en Santiago na clausura da xornada organizada pola Asociación de empresas de inserción de Galicia (Aeiga) sobre a nova Lei de contratos do sector público e as oportunidades que ofrece para as cooperativas e entidades de economía social. A iniciativa, que se está celebrando, enmárcase nas actividades que está organizando este ano o Foro pola economía social galega e na programación da Rede Eusumo, que impulsa a Xunta para o fomento do cooperativismo e a economía social en Galicia.

4 de xuño de 2018 | 15:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.