publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta renovará a instalación de fontanería e substituirá ventás da cociña e dos aseos do CEIP Albino Núñez de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de anunciar un investimento de 38.000 para a execución de obras de mellora do CEIP Albino Núñez, da cidade das Burgas. Con tal motivo a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, desprazouse hoxe ata o centro educativo para informar á dirección da actuación prevista.

A representante do Goberno galego, acompañada pola xefa territorial de Educación, María Luz Fernández Quintas, indicou que esta obra se executará ao abeiro do plan anual de obras de rehabilitación, ampliación e mellora (RAM). Á visita tamén acudiu o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad.

A actuación, que se executará durante as vacacións de verán co fin de non interferir na actividade académica, consistirá na renovación da instalación de fontanería de aseos e cociña, substitución de aparatos sanitarios e billas amais das ventás, así como a mellora da ventilación da cámara sanitaria. Tamén levarase a cabo o acondicionamento do aseo da antiga vivenda do conserxe para discapacitados e visitas. A execución destes traballos decidiuse logo de comprobar o mal estado que presentaban as instalacións. Ademais, atende ás demandas trasladadas pola propia comunidade escolar á Xefatura Territorial de Educación para paliar os danos ocasionados polas continuas avarías e perdas de auga, así como os efectos das baixas temperaturas nos aseos do colexio.

Díaz Mouteira salientou o esforzo inversor da Administración autonómica en acondicionamentos e melloras dos centros escolares da provincia, co obxectivo de dar resposta ás súas necesidades. Concretamente, desde o ano 2009, o departamento autonómico dirixido por Román Rodríguez investiu 218.000 euros no CEIP Albino Núñez.
A delegada territorial indicou que a Xefatura Territorial de Educación está a ultimar o Plan anual de obras RAM que determinará o investimento destinado e os centros educativos da provincia beneficiados ao abeiro deste programa que se executa nos meses de verán co obxectivo de que os traballos estean rematados de cara ao inicio do novo curso escolar.

7 de xuño de 2018 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.