publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta reitera a necesidade de acreditar a demanda de solo empresarial para a ampliación de Lalín 2000

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal PortadaPontevedra
A-
A+

Xunta reitera a necesidade de acreditar a demanda de solo empresarial para a ampliación do parque empresarial Lalín 2000. Subliña que ata o momento non se ten presentado comunicación de demanda de solo empresarial desde o Concello de Lalín nin desde a asociación de empresarios á Consellería de Infraestruturas e Vivenda ou a Xestur.

Tal e como lle indicou hoxe a xerente de Xestur, María Doporto, ao alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, na reunión celebrada na sede da empresa pública, a existencia de demanda acreditada é unha condición indispensable para o desenvolvemento de novos solos empresariais por parte da Xunta de Galicia. Especialmente, sinalou, no caso de Lalín, onde o concello dispón dos mecanismos necesarios para atender a demanda máis inmediata, xa que conta con solo de uso empresarial cualificado no seu Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Na reunión María Doporto, lembroulle aos representantes municipais que toda a superficie dispoñible actualmente na comarca do Deza, 21.000 metros cadrados, foi incluída no concurso público de venda convocado por Xestur en xaneiro de 2018, sen que se presentase nin unha soa oferta polos mesmos.

A xerente de Xestur informoulles dos requisitos imprescindibles para que a Xunta inicie o desenvolvemento de novos solos empresariais e puxo de manifesto que en Lalín existen máis de 8.500 metros cadrados de solo dispoñibles para venda, así como preto de outros 4.500 metros cadrados en parcelas nas que os adquirentes das mesmas aínda non construíron as súas instalacións malia ter superado o prazo máximo establecido.

Tamén, engadiu, existe unha parcela, cedida pola Xunta ao Concello de Lalín e vendida por este, na que unicamente existe unha estrutura sen rematar e abandonada, que podería ser recuperada polo concello para volver a adxudicar.

No caso das parcelas aínda non construídas, a comezos de 2018 comunicouse a todos os adquirentes a necesidade de cumprimento do contrato, polo que as parcelas poderían ser recuperadas pola empresa pública para unha nova adxudicación das mesmas.

A política de solo empresarial da Xunta, plasmada no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, buscar dar solucións ás necesidades no marco das áreas funcionais, de carácter supramunicipal, polo que calquera análise que se realice da situación debe revestir ese carácter.

Para atender a demandas de ámbito local, o concello de Lalín dispón de solo cualificado como industrial no seu PXOM na zona denominada Catasós, que pode promover en canto o necesite.

Da mesma maneira, a Xunta poderá facer uso do establecido na lei de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais de Galicia, que permite o desenvolvemento do solo empresarial por fases, no caso de que se rexistre unha demanda acreditada que xustifique a ampliación do parque empresarial Lalín 2000.

7 de xuño de 2018 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.