publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta promoverá o cooperativismo e a economía social no Salimat de Silleda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSilleda
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria estará, unha edición máis, presente na 41ª Feira Internacional Semana Verde de Galicia, dentro do 22º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat 2018, que se celebrará do 7 ao 10 de xuño no recinto feiral de Silleda.

O departamento autonómico contará, para iso, cun stand institucional de economía social que pretende ser o mellor escaparate para as trece empresas deste sector que este ano exporán os seus produtos, pertencentes todas elas ao ámbito agroalimentario. Os participantes son: Cobideza, Condado Paradanta, Bico de Xeado e Productores do Campo de Capela, especializados en produtos lácteos, derivados e apícolas; Bodega Cooperativa Jesús Nazareno, Bodega Cooperativa Virgen de las Viñas e Bodegas Eidosela, do eido vitivinícola; Cogal, Vélaro e Verín-Biocoop, centrados en produtos cárnicos; e, por último, Galifresh, Nutre en Bio e Terras da Mariña, con produtos hortofrutícolas.

No Salón está previsto degustacións de diferentes produtos galegos de calidade, entre os que destacan os queixos, requeixos, meles, fabas, xeados, carnes e viños. Terán lugar no stand de economía social o venres e o sábado ás 12.00h; 13.00h; 14.00h; e 18.30 horas; e o domingo ás 12.00h; 13.00h; e 14.00 horas.

Cada unha das degustacións estará dirixida por un experto en cada produto que explicará as distintas características e peculiaridades do mesmo e dará a oportunidade aos asistentes de probar combinacións de diferentes produtos autóctonos de excelente calidade.

Ademais, as empresas expositoras acudirán aos Encontros Internacionais de Negocio a través de reunións concertadas, o que lles permitirá contactar de forma planificada coas canles de distribución alimentaria, tanto españolas como doutros países. Estes encontros constitúen unha excelente oportunidade para abrir mercados no exterior tratando con importadores con interese real nos produtos galegos.

A organización da feira prevé unha gran afluencia de público. O horario do salón será xoves e venres de 10.00 horas a 20.00 horas; e sábado e domingo de 10.00 horas a 21.00 horas.

5 de xuño de 2018 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.