publicidade hoxe

A Xunta incorpora a primeira promoción de empregados públicos con discapacidade intelectual

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurensePortada dereita
A-
A+

O secretario xeral da Consellería de Política Social, Francisco Javier Abad Pardo, presidiu hoxe a toma de posesión do persoal laboral con discapacidade intelectual adscrito a esta área da Xunta de Galicia que superou a primeira convocatoria de emprego público da Administración autonómica para este colectivo. O acto, que se desenvolveu na Sala de Xuntas da Xefatura Territorial de Ourense, contou tamén coa presencia da delegada do Executivo galego para esta provincia, Marisol Díaz Mouteira.

A persoa que hoxe tomou posesión da súa praza como persoal laboral fixo, tras superar a oposición e unha vez que xa foi publicado o seu nomeamento no Diario Oficial de Galicia (DOG), exercerá funcións de ordenanza. Estas probas foron as primeiros da historia da Xunta que foron reservadas en exclusiva para persoas con discapacidade intelectual, co obxectivo de facilitar a inserción laboral e a formación deste colectivo na Administración galega. En total, son cinco as persoas que superaron os exames e que desenvolverán funcións de ordenanza.

A Xunta xa convocou o pasado mes de abril as segundas oposicións reservadas exclusivamente a persoas con discapacidade intelectual que se realizarán na historia da Administración autonómica, con 24 prazas de emprego público. As persoas que superen este proceso selectivo pasarán a ser funcionarios da Xunta e traballarán como persoal subalterno.

Tanto a primeira como a segunda convocatoria foron programadas en colaboración coa Federación Galega de Asociacións a favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (Fademga) e Down Galicia.

19 de xuño de 2018 | 15:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.