publicidade hoxe

A Xunta destaca en Ribadumia a unión de tradición e innovación de conservas La Brújula para dar valor engadido aos seus produtos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerdaRibadumia
A-
A+
Francisco Conde e Rosa Quintana na visita a Conservas La Brújula

Francisco Conde e Rosa Quintana na visita a Conservas La Brújula

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitaron hoxe en Ribadumia (Pontevedra) as instalacións de Conservas La Brújula. Na súa visita, salientaron a unión de tradición e innovación desta empresa para achegar valor engadido aos seus produtos, facendo unha constante aposta pola internacionalización das súas vendas, que hoxe chegan xa a máis de 26 países, entre eles, Austria, Alemaña, EEUU, Francia, Hong Kong, Inglaterra, Irlanda, Italia, México e Portugal.

Conde apuntou que esta empresa explica a proxección exterior, a conquista de novos mercados e a calidade que distinguen o sector primario galego, e en concreto, o sector transformador dos produtos da pesca e da conserva. Neste sentido, sinalou que Conservas La Brújula é un dos nomes propios do sector que fai posible que preto do 80% das exportacións de conserva españolas procedan de Galicia. A conserva supón o 3% do produto interior bruto en Galicia, e representa o 6,5% do emprego industrial na Comunidade.

O conselleiro incidiu en que o traballo de empresas como La Brújula, comprometida co seu territorio, co emprego e coa calidade para poder abrirse paso en novos mercados, axuda a que Galicia sexa o terceiro mes consecutivo a Comunidade na que máis baixa o paro. Segundo os datos publicados hoxe, Galicia rexistra un descenso do -11,49%: 22.942 parados menos con respecto a maio de 2017.

Conservas La Brújula, destacou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, prioriza a orixe da materia prima e combina os procesos artesanais coa última tecnoloxía para obter unhas conservas de máxima calidade consideradas como “xoia da gastronomía” na feira Alimentaria Gourmet.

Por outra banda, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, sinalou que Conservas La Brújula é un reflexo da potencialidade da industria transformadora de produtos do mar de Galicia, de tradición e posta en valor do produto de xeito artesanal e de innovación adaptada ás esixencias de mercado.

En relación á industria conserveira de Galicia, Rosa Quintana, indicou que as cifras socioeconómicas deste sector mostran o seu lugar destacado, pois máis de 12.400 dos 15.500 postos de traballo directos do sector conserveiro dos produtos do mar foron xerados en Galicia.

No eido da produción, a conselleira lembrou ademais que Galicia é a primeira rexión europea e a segunda mundial na produción de conservas de peixe e marisco. Este sector alcanzou o ano pasado as 300.000 toneladas, case o 87% do total da produción nacional e un valor de produción de case 1300 millóns de euros, o que representa o 80% do valor de produción do negocio conserveiro español.

O valor deste sector, expuxo a conselleira do Mar, tamén se reflicte na importante aposta da Xunta. Unha aposta, afondou Rosa Quintana, orientada a aumentar o seu peso na economía galega, mellorar a súa posición competitiva nos mercados europeo e internacional e consolidar a súa posición de liderado, capacidade produtiva e emprego asociado. Con estes obxectivos naceu o Plan estratéxico da industria conserveira galega 2020.

A maiores, engadiu Rosa Quintana, coa finalidade de obter máis valor engadido e unha axeitada venda dos produtos, a Xunta puxo ao alcance do sector máis de 260 millóns de euros no período 2009-2015. Ademais sinalou, na convocatoria deste ano, destináronse 13 millóns de euros ás axudas para a mellora das instalacións e da actividade das pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura. Unha convocatoria á que se presentaron preto de 80 solicitudes e que está pendente de resolución.

4 de xuño de 2018 | 13:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.