publicidade hoxe

A Xunta convoca unha nova liña de subvencións ao audiovisual vinculada á difusión do Camiño de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) as bases dunha nova liña de subvencións ao sector audiovisual galego, a través das que tamén se fomentará a difusión dos valores culturais do Camiño de Santiago de cara ao Xacobeo 2021.

Coa ollada posta nesta celebración, o obxectivo da convocatoria é promover a marca Galicia e as rutas xacobeas mediante a realización dunha obra audiovisual que, polas súas características, posúa unha alta capacidade de distribución internacional. O apoio da Xunta concretarase na concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas ao desenvolvemento de cinco proxectos audiovisuais (longametraxes cinematográficas ou miniseries televisivas) e o posterior investimento económico na produción dun deles, seleccionado por unha comisión independente.

Ata 1,57 millóns de euros

A súa dotación máxima é de 1.575.000 millóns de euros, dos que 75.000 corresponden ás cinco propostas de desenvolvemento adxudicatarias da primeira fase (15.000 euros para cada unha), mentres que a obra finalmente seleccionada recibirá para a súa realización unha axuda dun millón de euros, no caso de que se trate dunha película de cine, ou de 1,5 millóns de euros, se é unha miniserie. Ademais, o importe que percibirá o proxecto beneficiario desta segunda fase non poderá superar o 30% do total do custe da súa produción.

Poden optar a este programa de apoio aquelas produtoras independentes galegas que teñan conseguido cifras destacadas canto a distribución e vendas internacionais de obras anteriores e conten cunha demostrada experiencia no ámbito da coprodución con compañías doutros países. Tamén poden solicitar estas axudas as agrupacións de interese económico (AIE) nas que algunha das empresas integrantes cumpran os devanditos requisitos. A presentación das instancias deberá realizarse a través da sede electrónica da Xunta entre mañá e o vindeiro 30 de xullo.

Difundir os atractivos de Galicia

Unha das principais características que serán tidas en conta na valoración das propostas será a súa calidade e carácter atemporal. O Camiño de Santiago debe ser un dos elementos importantes no seu contido, mais non necesariamente o principal, buscando a diferenciación con respecto a outras obras audiovisuais. Así, tanto o título seleccionado como o seu proceso de realización deberán contribuír á difusión da cultura, a paisaxe e demais atractivos de Galicia como destino de visitantes e peregrinos, á transmisión dos valores xacobeos, a consolidar a marca Galicia e a fomentar a industria audiovisual galega. Neste mesmo sentido, a empresa beneficiaria da fase 2 deberá realizar en Galicia un gasto mínimo do 110% do importe da axuda concedida.

Valorarase tamén o currículo do equipo creativo (produción executiva, guión e dirección), primando a participación de profesionais de recoñecido prestixio, ademais do traballo cun elenco artístico de proxección internacional.

Así mesmo, analizarase a capacidade do proxecto para captar outros investimentos públicos e privados que permitan conseguir un orzamento medio-alto, levar a cabo unha obra de máxima calidade e garantir as súas posibilidades de promoción e distribución.

28 de xuño de 2018 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.