publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta convida á sociedade a sumarse a unha das 22 batidas de limpeza ‘1m2 pola naturaleza’ para mitigar o impacto do lixo nos espazos naturais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia apela ao apoio da sociedade galega para que o vindeiro día 16 de xuño as 22 batidas de limpeza da iniciativa 1m2 pola natureza sexan un éxito e se avance un paso máis na mitigación do impacto do lixo nos espazos naturais. Así o trasladou esta mañá a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira Costa, quen destacou que a Xunta de Galicia apoiará esta iniciativa que se enmarca dentro do proxecto Libera: Natureza sen basura, posto en marcha por SEOBirdLife e Ecoembes, para loitar contra un fenómeno que se pode denominar “basuraleza”.

A directora xeral destacou que o abandono e a acumulación de lixo nas contornas naturais converteuse nun problema xeneralizado, que ten un impacto negativo para a conservación do medio ambiente que nos rodea e, en consecuencia, no planeta.

Indicou que ante esta situación a parálise non é unha opción, polo que hai que verbalizar esta catástrofe ambiental e liberar á natureza estudando o seu impacto no medio e xerando un cambio nas condutas da cidadanía. A directora xeral sinalou que o Goberno galego quere participar nesta resposta e por iso sumará esforzos na loita contra a “basuraleza” e apoiará as accións que se leven a cabo dentro de Libera, para abordar este problema ambiental que tamén afecta ás contornas naturais de Galicia.

Neste sentido, salientou que unha primeira mostra de compromiso é a participación nas batidas de limpeza que se celebrarán o vindeiro sábado 16 de xuño, unha gran recollida colaborativa anual para liberar á natureza de lixo. Ao final desta nota de prensa indícase unha táboa coas vintedúas batidas organizadas en Galicia.

Así, as persoas interesadas poden inscribirse nalgunha das batidas previstas ata o vindeiro día 15 a través da web www.proyectolibera.org. A directora explicou que a divulgación desta actividade e accións a través das redes sociais ou entre a nosa contorna social é outro xeito de colaborar, porque divulgar o patrimonio natural é outra ferramenta válida para conservalo.

Galicia comprometida con Libera

A directora xeral destacou que a sociedade galega xa deu mostras do compromiso con este proxecto o pasado ano, a primeira edición en Galicia, na que participaron case 160 voluntarios que saíron a retirar lixo nas contornas terrestres, mariñas e fluviais.

Grazas ao esforzos destes voluntarios conseguiuse limpar sete puntos da comunidade, como o Parque Botánico de Montealegre en Ourense; a Praia da Madalena en Pontedeume ou o Merendero de Ois, no Concello de Culleredo; e recolleuse unha media de 176 quilos de lixo, entre os que se atoparon residuos como cabichas, en segundo lugar toalliñas húmidas, e en terceiro lugar, envoltorios.

Tamén ao longo do ano pasado levouse a cabo a campaña 1m2 polo campo, os bosques e o monte, na que participaron 114 persoas que recolleron información dos residuos abandonados de catro puntos, no Encoro de Pontillón, no Bosque de Ribeira do río Barcés,en Abegondo, no Concello de Oia e no Parque Botánico de Montealegre, en Ourense.

Ademais, a última campaña de ciencia cidadá, 1m2 polos ríos, encoros e pantanos, congregou a 129 persoas en catro puntos. Así, durante a semana do 12 ao 18 de marzo, lograron recoller información do barranco da desembocadura do río Pedras ou a Travesía de Meicende, entre outros.

11 de xuño de 2018 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.