publicidade hoxe

A Xunta apoia a participación das persoas maiores en accións formativas a favor dunha madurez activa e saudable

José Manuel Rey Varela na clausura dun curso da Ategal

José Manuel Rey Varela na clausura dun curso da Ategal

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou hoxe no acto de clausura do curso 2017-2018 das Aulas da Terceira Idade de Galicia (Ategal), que tivo lugar no Colexio Maior San Agustín na capital galega. A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez, tamén asistiu a este evento co que se puxo o punto e final a unha nova edición do programa formativo que desenvolve esta entidade de iniciativa social.

Na súa intervención, o conselleiro felicitou a Ategal polo seu compromiso coa formación non regrada das persoas maiores, que lles permite “gozar dunha madurez activa, favorece a participación e fomenta un ocio proveitosos mediante a educación”. Nesta liña, destacou a colaboración que mantén a Administración autonómica con esta entidade con 40 anos de historia e pioneira na formación de persoas adultas, e que fai posible o desenvolvemento dunha ampla programación nas nove sedes que Ategal ten en Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Ferrol, Ourense, Lugo, Padrón, Monterroso e Vilalba. De feito, no presente exercicio de 2018 Política Social incrementou nun 5% a contía da achega económica a esta entidade, ata situala nos 82.000 euros anuais.

Ademais, Rey Varela subliñou que a programación de Ategal “contribúe a que as persoas de 50 anos ou máis sexan activas, fomenta as relacións interpersoais, potencia o desenvolvemento de capacidades e aptitudes e pon en valor o talento sénior”. Deste xeito, sinalou que os valores e actividade desta organización se encadran nos obxectivos que procura a Estratexia Galega de Envellecemento Activo que está a desenvolver a Xunta e as entidades do terceiro sector e que se fundamenta en catro eixos básicos: o emprego; a participación na sociedade; a vida independente, activa e segura; e a non discriminación e a igualdade de oportunidades.

Por último, o titular de Política Social resaltou que Galicia ten un “especial respecto polas persoas maiores, as cales ocupan un lugar principal na nosa cultura e tradición, así como nas nosas familias e na nosa sociedade”. E, ao fío disto, fixo un chamamento aos maiores instándoos a que aproveiten as oportunidades que hoxe en día teñen para participar activamente na sociedade, o que “é fundamental para gozar destes anos con calidade de vida, benestar e saúde”.

12 de xuño de 2018 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.