publicidade hoxe

A Rede Dixital de Vixilancia Forestal disporá de dez centros máis e incrementa a súa cobertura ao 54% do territorio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia está a despregar a Rede de Vixilancia dos espazos forestais como un instrumento de apoio ao labor de detección, prevención e seguimento deste tipo de incendios. O sistema incorpora as melloras ofertadas pola empresa adxudicataria, a galega Itelsis, que incrementou o número de centros de 34 a 44, o que permitirá monitorar o 54% do territorio, fronte ao 48% inicial.

A nova rede estase a despregar aproveitando as infraestruturas de Retegal. Nesta primeira fase instalaranse cámaras en 44 centros de telecomunicacións do operador público, que facilitarán cobertura visual de máis de 1,5 millóns de hectáreas, máis da metade do territorio galego, incluíndo terreos das 73 parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) definidas así no Plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA) da Consellería do Medio Rural.

Os obxectivos principais da rede son a vixilancia remota e servir de apoio na extinción de incendios. En caso de detectarse un lume o sistema achegará información visual en directo sobre o avance e as condicións do incendio e permitirá xeoposicionar o punto que se está a visualizar en cada momento. Deste xeito, a rede ofrece un mecanismo de apoio á toma de decisións polas autoridades e persoal técnico competentes para mobilizar e xestionar medios e recursos para os labores de extinción.

A rede, anunciada polo presidente da Xunta no Parlamento como unha das 30 medidas na proposta de acordo forestal, xestionarase a través dunha plataforma tecnolóxica que facilitará a vixilancia remota dos montes desde un centro de control as 24 horas do día e permitirá aos axentes e técnicos forestais o acceso en tempo real ás imaxes, incluso a través de dispositivos móbiles.

Investimento e evolución da rede

No desenvolvemento da rede colaboran a Consellería do Medio Rural, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e Retegal que articula a posta en marcha e mantemento desta Rede de Vixilancia dos espazos forestais ata 2022 cun investimento de 2.026.000 euros.

Nunha segunda fase, e en base ás necesidades detectadas polos equipos forestais, definirase a ampliación da cobertura da rede. Ademais, a medida que a evolución tecnolóxica ofreza novas solucións, analizarase a posibilidade de incorporar innovacións neste eido que melloren a eficacia do dispositivo ou permitan avanzar na detección temperá de lumes.

18 de xuño de 2018 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.