publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Consellería de Educación reformará os aseos do CEIP Manuel Vidal Portela de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o CEIP Manuel Vidal Portela da capital da provincia co obxectivo de anunciar a reforma dos aseos deste colexio que tamén é sede da escola de adultos (EPAPU Río Lérez).

Na visita, o delegado territorial estivo acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, os directores do CEIP e do EPAPU, así como por responsables da Unidade Técnica de Educación.

José Manuel Cores Tourís explicou que “Educación é consciente do estado deficiente de algúns dos aseos deste centro, polo que estamos a redactar un proxecto para que se poidan executar este mesmo ano as obras de mellora dos baños que o necesitan, cun orzamento previsto que roldará os 50.000 euros”. Os traballos desenvolveranse este mesmo ano.

Por outra banda, tamén se informou aos responsables educativos do CEIP e da EPAPU que este ano agárdase rematar coa tramitación da solicitude de información sobre a propiedade do edificio, “de cara a que podamos poñer en marcha proximamente unha reforma máis profunda deste colexio”. Tamén se agarda que este mesmo ano chegue á Xefatura Territorial o informe de Costas que permita poñer en marcha ditas obras.

Neste centro investíronse máis de 145.000 euros destinados a distintas melloras, como reparación de dinteis e xambeados na fachada, reforma da aula de informática ou da iluminación, así como a instalación dunha placa que cubre o antigo escudo de época franquista. Cores Tourís aproveitou a visita para comprobar a reforma da instalación eléctrica efectuada o ano pasado, por un montante de 33.000 euros, e que permitiu mellorar “en gran medida” o estado do centro educativo.

José Manuel Cores Tourís recordou que a Consellería de Educación leva investidos máis de 7,3 millóns de euros nos centros de Primaria e Secundaria da cidade de Pontevedra nos últimos anos, con obras tan importantes como a ampliación do CIFP Carlos Oroza, o cambio de cuberta no IES Sánchez Cantón e do Torrente Ballester, a ampliación do CIFP A Xunqueira, a rehabilitación do CEIP Campolongo e do Vilaverde Mourente, e a reforma do CEIP Froebel, entre moitas outras.

12 de xuño de 2018 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.