publicidade hoxe

A Cidade da Cultura dálle a benvida ao verán cun concerto de Sondeseu orquestra folk de Galicia para o Día da Música

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

O Gaiás acollerá o vindeiro venres 22 de xuño un concerto de SondeSeu para conmemorar a celebración do Día da Música e darlle a benvida ás longas noites do verán e a toda a programación estival do complexo, da que a música é o prato forte. A Orquestra Folk de Galicia subirá ao escenario da Praza Central do Gaiás ás 21 horas para presentar, por vez primeira en Galicia, o seu espectáculo Arraianos, nun concerto con entrada libre e de balde organizado pola Fundación Cidade da Cultura coa colaboración da Agadic.

Arraianos conforma unha explosión de forza e enerxía interpretativa asentada na contundencia do son propio de SondeSeu, que incorpora ademais a colaboración de tres dos artistas máis virtuosos da escena folk da ibérica do momento: Vanesa Muela, Xuacu Amieva e Daniel Pereira Cristo.

Brillante e cheo de cor na súa execución e liña argumental, o espectáculo ilustra nun poderoso espazo sonoro as influencias que de xeito recíproco alimentan a expresión da música popular nos imaxinarios límites xeográficos da cultura galega. Así, os mellores ritmos e melodías populares de Castela e León –representados na percusión de Vanesa Muela– , Asturias –na gaita de Xuacu Amieva– e Portugal –no cavaquinho de Daniel Pereira Cristo– emerxen coa linguaxe orquestral de SondeSeu e convértense nunha festa da cultura da Península Ibérica que traspasa as fronteiras para impor unha nova xeografía sonora. Os lindes desaparecen así en Arraianos por arte da música, fundíndose nun discurso novo e cheo de alegría, e acadando cotas instrumentísticas difíciles de atopar nun único espectáculo.

Música popular e interpretación contemporánea

SondeSeu é unha das primeiras orquestras europeas de música folk contemporánea. O seu repertorio consta de temas procedentes da tradición oral da música popular de Galicia, arranxados especialmente para a formación polos seus compoñentes e responsables das distintas seccións, que abranguen gaitas, percusión, zanfonas, violíns, requintas e frautas de madeira, canto, arpas e corda pulsada. Así, entre os mestres de SondeSeu atopamos nomes ben destacados da música tradicional galega, como Rodrigo Romaní, Begoña Riobó, Xisco Feijoo, Anxo Pintos, Xaquín Xesteira, Alfonso Franco ou Xosé Liz de Cea.

A formación nacía no ano 2001 no antigo departamento de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios –hoxe E-Trad, Escola Municipal de Música Folk e Tradicional– de Vigo, experiencia singular que persegue a fusión entre formación especializada, práctica escénica e música en comunidade. Dende entón leva unha traxectoria ascendente que a proxecta no panorama español e internacional, con varias publicacións discográficas e numerosos recoñecementos públicos. Os seus concertos ao vivo son unha celebración da recuperación do patrimonio oral e a súa integración na modernidade urbana.

6 de xuño de 2018 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.