publicidade hoxe

Xunta e Tribunal Superior de Xustiza de Galicia inician os traballos para elaborar un plan de recuperación tras a folga

Alfonso Rueda na reunión con Miguel Ángel Cadenas

Alfonso Rueda na reunión con Miguel Ángel Cadenas

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadenas, reuníronse esta mañá co obxectivo de comezar a elaborar un Plan de recuperación do traballo tras a folga convocada polos sindicatos da Administración de Xustiza.

No seo da Comisión Mixta abordaron as necesidades que deberá atender este Plan, cuxo obxectivo é poñer ao día a actividade nos xulgados galegos e minimizar as consecuencias que tivo este paro para a cidadanía.

Ademais da xuntanza de hoxe, a Xunta tamén terá en conta para a elaboración do plan a todos os implicados, como son a Fiscalía, aos letrados da Administración de Xustiza, aos avogados, procuradores e aos tres sindicatos que validaron o acordo que puxo fin á folga, co obxectivo de pechar unha folla de ruta que permita recuperar o traballo perdido.

Por outra banda, o vicepresidente adiantou que mañá mesmo está previsto que a Dirección Xeral de Xustiza e os sindicatos CCOO, UXT, e USO ratifiquen este acordo para poder facelo efectivo canto antes e que os traballadores poidan empezar a beneficiarse das vantaxes incluídas no mesmo. Cómpre recordar, ademais, que o Diario Oficial de Galicia xa publicaba onte a fin dos servizos mínimos fixados, unha vez rematada a folga.

22 de maio de 2018 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.