publicidade hoxe

Un estudo da USC constata que a capacidade de acollida dos camiños de Santiago é superior á actual¡

Nava Castro na presentación do estudo

Nava Castro na presentación do estudo

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou hoxe a segunda parte do Estudo do impacto socioeconómico do Camiño de Santiago titulado Perfís, dinámicas e percepción dos peregrinos. Os resultados constatan que a capacidade de acollida real é moi superior ao número de peregrinos que fan a ruta xacobea actualmente. Descártase así unha posible saturación, malia que existen elevadas densidades de ocupación puntuais concentradas en etapas concretas e en días do verán.

O estudo foi realizado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) por iniciativa da Xunta de Galicia co obxectivo de coñecer a realidade da peregrinación para facilitar a toma de decisións tanto das administracións públicas como das entidades privadas e contribuír á xeración de coñecemento que poida ser empregado polos investigadores e divulgadores.

Para súa elaboración, analizouse a capacidade de carga física, a capacidade de carga real e a capacidade de carga efectiva, tendo en conta aspectos como as horas de luz, a distancia mínima entre grupos ou posibles condicionantes meteorolóxicos, sociais e ambientais.

Das súas conclusións, despréndese que a percepción dunha alta afluencia é unha realidade subxectiva para un amplo número de peregrinos e non se reflicte que sexa un elemento que cambie a súa valoración positiva da experiencia. De feito, obsérvase un nivel de satisfacción moi alto: para un 64% dos peregrinos, a experiencia foi mellor ou moito mellor do esperado e só un 5,8% afirma que resultou menor do previsto. Esta valoración propicia que o 98,6% dos peregrinos recomenden facer o Camiño de Santiago. Ademais, ata un 53% confesa que, con seguridade, repetirá a experiencia percorrendo outro dos itinerarios e un 31% prevé que volverá peregrinar pola mesma ruta xacobea.

Entre os aspectos mellor valorados da súa experiencia xacobea, atópase a contorna natural, a seguridade, a interacción cos peregrinos e a cantidade de aloxamentos. Polo contrario, entre as cuestións a mellorar apuntan os puntos de información e os eventos culturais.

Tamén os residentes foron enquisados para coñecer a súa percepción. Maioritariamente, un 75% afirma que lle agrada a presenza dos peregrinos. Así mesmo, non consideran que nalgúns meses do ano, nin tampouco en xeral, o volume de peregrinos sexa excesivo.

“Queremos que o Xacobeo 2021 sexa un fito na xestión do Camiño de Santiago, un elemento potenciador desta marca internacional e un factor que impulse o desenvolvemento dos nosos territorios. Para iso temos que coñecer a situación da que partimos, a relevancia do fenómeno e a súa evolución”, declarou Nava Castro na presentación realizada no Centro Internacional da Acollida ao Peregrino, onde estivo acompañada pola comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, e do xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez.

A exposición dos resultados correu a cargo do profesor Melchor Fernández, membro do Grupo de Análise e Modelización Económica do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC, que dirixe o proxecto xunto a Dolores Riveiro e en coordinación cos técnicos especialistas da Área de Estudos e Investigación de Turismo de Galicia. Nava Castro puxo en valor o rigoroso traballo de todos os implicados, con novas técnicas metodolóxicas, o seu traballo de campo e a análise de distintas bases de datos.

 

O estudo tamén se detén en analizar os perfís dos peregrinos. Neste sentido, compróbase que o Camiño de Santiago destaca pola súa diversidade. Os peregrinos non se recoñecen como turistas, pero si o serán no futuro, pois ata un 83% declara que volverá. En concreto, obsérvanse dous grupos diferenciados, en función de se peregrinan sós ou en grupo.

Nos primeiros, hai tres categorías: experto (nacional, repite, curto e longo percorrido, con idades entre 40 e 50 anos, que se ve como peregrino e con conciencia crítica), tradicional (estranxeiro, non repite, longo percorrido, con idades entre 20 e 40 anos e de máis de 60 e peregrino) e viaxeiro (estranxeiro, non repite, longo percorrido, xove e vese como viaxeiro).

En canto aos peregrinos en grupo, distínguense os seguintes: moderno (nacional, non repite, curto percorrido, que se ve como peregrino, cun relevante peso feminino e moi satisfeito coa experiencia), lúdico (multinacional, curto e medio percorrido, con diferentes perfís de lecer e conciencia crítica) e xove (nacional, non repite, curto percorrido e que se ve como viaxeiro).

Aposta polo turismo responsable

“Son datos que falan dunha realidade da que Galicia é protagonista e que fan posible os galegos”, sinalou Nava Castro, quen apuntou a vontade do Goberno galego por continuar traballando por mellorar e liderar a peregrinación, convertida nun referente internacional na súa xestión e na súa promoción. Nesa liña enmárcase o Estudo do impacto socioeconómico do Camiño de Santiago que, como lembrou a directora, “forma parte da aposta permanente da Xunta por un turismo responsable” como se plasma na Estratexia do turismo de Galicia 2020 e no Plan director do Camiño de Santiago, no que estaba incluído a súa realización.

Nava Castro salientou a importancia de seguir diversificando os fluxos de peregrinos. “Hoxe recibimos máis peregrinos, por máis rutas e durante máis meses que hai 15 anos”, detallou. Ao respecto, indicou que, como parte da estratexia autonómica, o Camiño Francés comparte cada vez máis protagonismo co resto de itinerarios oficiais e que meses como xullo e agosto cederon peso na afluencia en favor doutros, unha liña na que animou a perseverar.

O estudo apunta retos e oportunidades a ter en conta no futuro en base ás diferentes conclusións obtidas. Entre eles están o impulso da temporada baixa, desestacionalizando a chegada de peregrinos en favor dos meses no que a actividade descende ou atraer a outros visitantes durante épocas nas que, polos condicionantes xeográficos e meteorolóxicos, hai maiores dificultades para facer o Camiño de Santiago. Tamén se detectan oportunidades na gobernanza de itinerarios como o Camiño de Fisterra e Muxía, con singularidades propias.

15 de maio de 2018 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.