publicidade hoxe

O turismo rural lidera o crecemento turístico de Galicia no primeiro trimestre do ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPortada dereitaVigo
A-
A+

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, fixo hoxe balance dos datos turísticos do primeiro trimestre de 2018 no día no que o Instituto Nacional de Estatística (INE) publicaba as cifras para o conxunto dos establecementos regrados de Galicia. Os datos revelan que o turismo rural está a liderar neste arranque do ano o crecemento turístico da Comunidade galega, cun incremento dun 45% na súa demanda turística.

Durante o primeiro trimestre do ano, Galicia recibiu máis de 636.000 viaxeiros que fixeron preto de 1,2 millóns de pernoitas. Superáronse por tanto, nun 7,1% os datos do ano pasado en número de viaxeiros e en máis dun 10% en pernoitas, por riba da media española onde os incrementos foron do 6% e do 3,7% respectivamente. A celebración da Semana Santa no mes de marzo axudou de xeito significativo a medrar tan intensamente, pero non foi o único factor determinante. Así o demostra, por exemplo, que Galicia inaugurase o ano co mellor mes de xaneiro da última década.

Foi o cuarto ano consecutivo no que o número de turistas medrou en xaneiro en Galicia pero nesta ocasión fixérono máis intensamente e ademais, permaneceron máis tempo na Comunidade, pois a estadía media subiu nese primeiro mes un 4% mentres que no conxunto do Estado descendeu un 1,6%. Confírmase así, por unha parte, que Galicia afianza neste 2018 o seu proceso de desestacionalización.

O comportamento do primeiro trimestre do ano tamén confirma que Galicia é un destino máis internacional. Ata marzo recibimos máis viaxeiros procedentes de España, pero especialmente tamén estranxeiros, con subidas dun 8,8% na demanda turística nacional e dun 15,4% no mercado internacional. De feito, en termos de viaxeiros aloxados, o turismo internacional marca neste ano un máximo histórico superando a barreira dos 100.000.

Segmento á alza

“Desestacionalizamos, internacionalizamos, e nese arranque do ano tamén seguimos dando pasos para diversificar a nosa oferta turística”, explicou Nava Castro. Así o demostrou o comportamento do turismo rural, está a confirmar ser un segmento turístico á alza. No primeiro trimestre do ano a demanda neste tipo de establecementos subiu un 45%, demostrando o seu gran potencial de crecemento. Neste eido, o número de viaxeiros subiu un 31% e a estadía media un 11%.

Trátase, ademais, dun segmento ao que este ano o Goberno galego dedica gran parte dos esforzos, posto que está traballando xa na posta en marcha dun Plan Estratéxico para continuar impulsando a súa competitividade. Xunto ao turismo rural, tamén medrou a demanda nos hoteis, cunha suba do 12,4% e nos cámpings, que dobraron as cifras do ano pasado.

Auxe do Camiño Portugués da Costa

Durante o acto, celebrado en Vigo, fíxose balance da actividade turística nesta cidade, que no primeiro trimestre rexistrou a cifra de viaxeiros máis elevada dos últimos dez anos nos seus establecementos hoteleiros. Especialmente relevante foron as cifras no Camiño de Santiago. Polo Camiño Portugués da Costa transitan xa máis do dobre de peregrinos dos que o facían hai tan só un ano. A cifra de peregrinos que recolleron a Compostela despois de realizar este itinerario supera os 1.400, mentres que o ano pasado, por estas mesmas datas a cifra roldaba os 600 peregrinos.

Ademais, o Camiño Portugués da Costa logrou escalar postos na clasificación dos itinerarios máis transitados, pasando de ser o sétimo o ano pasado por estas datas a ser xa o cuarto itinerario con maior número de peregrinos, só por detrás do Camiño Francés, do Camiño Portugués e do Camiño Inglés. É, pois, claro exemplo de que esa diversificación de fluxos pola que se traballa desde a Xunta tamén está a ofrecer os seus resultados.

Os datos confirman que Galicia, ao abeiro da Estratexia de turismo 2020, foi capaz de contrarrestar neste primeiro trimestre a meteoroloxía adversa grazas a unha sólida oferta turística cultural, enogastronómica, termal, así como con iniciativas para coñecer o patrimonio, o medio natural, a gastronomía ou para practicar turismo activo, entre outras. Como indicou Nava Castro débese, en boa medida ao traballo de todos os galegos, que saben acoller con hospitalidade e que se implican cada vez máis nun modelo turístico de calidade que garanta a sustentabilidade.

Tamén grazas ao sector, que está a contribuír como nunca a contar cun destino cada vez máis competitivo. E tamén a todos estes turistas que elixen a Comunidade galega como destino, porque eles tamén están a facer de Galicia un destino cada día mellor.

3 de maio de 2018 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.