publicidade hoxe

O Festival de Cans celebrará do 23 ao 26 de maio as súas 15 primaveras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaO PorriñoPontevedraPortada dereita
A-
A+
Presentación do Festival de Cans

Presentación do Festival de Cans

O deseño do novo cartel do Festival de Cans énchese este ano de flores para reflectir as 15 primaveras que celebrará o certame porriñés do 23 ao 26 de maio. A Xunta de Galicia volve colaborara economicamente co evento a través dunha achega de máis de 25.000 euros, resultado da adxudicación das subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a festivais do sector audiovisual.

Os principais contidos da edición deste ano foron adiantados hoxe pola organización nun acto no que tamén participou Jacobo Sutil, director da Agadic, xunto aos representantes do resto de entidades e empresas colaboradoras.

Na súa intervención, Sutil fixo fincapé nas razóns polas que o festival que organiza a Asociación Cultural Arela pode considerarse un modelo a seguir desde o punto de vista da xestión cultural. Entre estas características, destacou a orixinalidade nos seus xeitos de exhibición, a súa condición de celebración lúdica que vén reforzar a proxección social do audiovisual galego dentro e fóra da nosa Comunidade e a súa consolidación como marca sólida, diferenciada e única, así como a implicación dos propios veciños da parroquia porriñesa que lle dá nome ao encontro.

Homenaxe a Chelo Loureiro

“Cans é, sen dúbida, un evento estratéxico para a difusión da creación audiovisual e para o asentamento de públicos”, sinalou o director da Agadic, quen quixo sumarse ao homenaxe que a organización lle renderá nesta edición á produtora Chelo Loureiro, “pioneira en moitos ámbitos do noso audiovisual”.

Xunto con Chelo Loureiro, outros nomes destacados do apartado audiovisual do programa son Fernando Trueba, Gracia Querejeta, Borja Cobeaga, Anxos Fazáns, Isabel Naveira, Nieve de Medina, Roque Cameselle, Berta Ojea, Ángel Filgueira, Nerea Barros, Isabel Blanco ou Felipe Lage.

A organización destaca a convivencia entre os cineastas debutantes e as figuras consagradas en todas as competicións da sección oficial: curtametraxes de ficción, animación, videoclips e, como nova incorporación este ano, un concurso de traballos de non ficción baixo o nome de FuraCans. En canto ás longametraxes, Cans contará cunha dobre sesión de apertura cos filmes A estación violenta, opera prima de Anxos Fazáns, e British Winters, primeira longa en imaxe real de Roque Cameselle. O festival será tamén o escenario para a estrea de Sevilla y Gomorra, de Ángel Filgueira, ademais de para a proxección do documental de creación Versogramas, de Belén Montero e Juan lesta.

De novo, haberá lugar para seccións habituais como Coloquios na leira, Fillas e fillos de Cans, A que andas?, os coloquios AISGE ou o roteiro cinéfilo-literario con Carlos Meixide, ademais de inaugurar a sección ExtraCans, que porá o foco nas conexións dos profesionais galegos cos doutros países, ou o programa especial Contra o lume.

Concertos

A música e a súa relación co audiovisual volverá proporcionar algúns dos pratos fortes da programación, como é o caso do cartel de concertos. Este ano tocarán en Cans Burning, Familia Caamagno, Triángulo de Amor Bizarro, Depedro, Pardo, Tanxugueiras, Kevin Weatherill (líder dos Inmaculate Fools, Pantis, Magín Blanco, Tino Baz ou Esteban & Manuel, entre outros.

Esta ampla programación complétase con outras seccións habituais como MiniCans e Cans do futuro para o público infantil e xuvenil, a Can Parade para descubrir novos valores artísticos de Galicia ou a ollada gastronómica cara á sétima arte con Tapas de cinema, mencionando só algunha das actividades que terán lugar nesta décimo quinta edición.

9 de maio de 2018 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.