publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O DOG publica a transferencia ao Concello da Estrada dun treito antigo da vía que conecta con Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaLocal PortadaPontevedraPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o Decreto polo que se aproba a transferencia ao Concello da Estrada dun treito antigo da vía que conecta con Santiago, a PO-841, situada na marxe esquerda entre o p.q.19+760 e o 19+860.

Este treito é utilizado como cambio de sentido para acceder a instalacións como o tanatorio ou as áreas deportivas e de lecer do Recreo Cultural, polo que o concello considerou axeitado xestionar directamente este tramo.

Coa publicación do cambio de titularidade, aprobada en Consello da Xunta o pasado 3 de maio, o Concello da Estrada será o responsable da conservación e mantemento desta estrada, podendo actuar na mesma acorde coas súas características, e xa non serán de aplicación as restricións da normativa autonómica de estradas, como por exemplo as limitacións de usos ou actividades nas súas marxes ou os accesos.

O cambio de titularidade tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece que deberá ser aprobado por decreto da Xunta, por proposta da Consellería de Infraestruturas e Vivenda e logo do acordo entre as administracións afectadas.

O procedemento establecido nesta lei permitiu axilizar este tipo de expedientes, que son beneficiosos para a Xunta, ao non ter que explotar unha vía que deixou de ter funcionalidade como percorrido interurbano, e para o concello, xa que libera aos cidadáns das cargas administrativas que supón a súa consideración como estrada de titularidade autonómica.

22 de maio de 2018 | 16:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.