publicidade hoxe

O CCVV aproba a cesión a Turismo de Galicia dun edificio para a construción dun albergue de peregrinos na Ribeira do Berbés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVigo
A-
A+

O Consello de Administración do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) adoptou, por unanimidade dos seus membros, a cesión a Turismo de Galicia do dereito de superficie do inmoble sito en Ribeira do Berbés 5 e Peñasco 9 para a súa reforma e posterior conversión en albergue de peregrinos.

Así o informou o delegado territorial da Xunta en Vigo e presidente do CCVV, Ignacio López-Chaves, na rolda posterior a celebración do consello e comité executivo do ente rehabilitador. Na súa comparecencia o representante autonómico subliñou que, con esta decisión, cumpriuse o compromiso do presidente Alberto Núñez Feijóo, que anunciara para Vigo, de cara ao Xacobeo do 2021, a construción dun albergue de peregrinos na cidade.

López-Chaves celebrou así que a cesión contase co visto e prace dos representantes do Consorcio Casco Vello de Vigo xa que, segundo indicou, é unha moi boa nova para Vigo dado o impulso que está a acadar o Camiño Portugués da Costa. Neste senso, lembrou que é a ruta xacobea que rexistra o maior incremento dos últimos anos e que a cesión faise con tempo suficiente para que o albergue estea construído antes do vindeiro Ano Santo.

A fórmula para o traspaso, especificou o delegado territorial, é homóloga á elixida para a cesión a Universidade de Vigo da que será a súa futura sede institucional, para dotación pública.

O Consorcio Casco Vello de Vigo, participado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun 10 polo Concello, continúa así coa recuperación da fachada marítima do barrio histórico. A rehabilitación da Ribeira do Berbés, na zona baixa, é a fase que concentra agora os principais esforzos do ente en cumprimento do plan de actuación.

Ata o momento actual o CCVV leva adquiridos 74 inmobles, dos que 58 xa foron rehabilitados e tres están en execución. Rehabilitáronse 104 vivendas, das que 88 foron vendidas e 10 están ocupadas en réxime de alugueiro. Tamén se rehabilitaron 32 locais comerciais, dos que se venderon 6 e 12 están ocupados en réxime de alugueiro, estando os 17 restantes en fase de adxudicación.

Características do inmoble

En canto as características do inmoble que será destinado a albergue de peregrinos, conta cunha superficie de parcela de 258 metros cadrados. Trátase de dúas edificacións, con senllos frontes, conectadas pola planta baixa e o primeiro andar, polo que no proxecto do albergue trataranse en conxunto.

Segundo o Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI do Casco Vello) a rehabilitación de ambos edificios contempla o aumento nunha planta que o proxecto do futuro albergue recolle no edificio de Ribeira do Berbés 5, non así na edificación traseira de Peñasco 9, que se mantén en altura na procura de manter a máxima coherencia coas edificacións da contorna.

Aparecen recollido no plan de actuación do CCVV, aínda que xa se excluía a súa rehabilitación e os ingresos obtidos pola venda das vivendas.

Futuro albergue

O delegado da Xunta recordou que os edificios obxecto do proxecto de rehabilitación e ampliación contan con protección ambiental e, en consecuencia, deben manterse as fachadas orixinais. A ampliación da segunda planta realizarase mediante muros de pedra, mantendo a coherencia estética do edificio.

Unha vez formalizada a cesión, será Turismo de Galicia a encargada da rehabilitación e mantemento do albergue, que contará cunha capacidade estimada de 90 prazas e unha inversión de preto dun millón de euros.

Ano do Camiño Portugués pola Costa

O novo albergue de Vigo forma parte dos compromisos da Xunta a través do Plan director do Camiño de Santiago, que en 2018 concentra os seus investimentos no Camiño Portugués e no CamiñoPortugués da Costa. Amais desta infraestrutura, prevese levar a cabo a sinalización, mellora e acondicionamento de ambos itinerarios, cun orzamento de preto de 2,5 millóns que contribuirá a súa preservación e impulso e mellorará a experiencia dos peregrinos.

Así mesmo, potenciarase a promoción, divulgación e dinamización destas rutas xacobeas, con exposicións como De mar a mar, que pode verse ata o 30 de xuño na cidade de Pontevedra, ou programas como Vive o Camiño, con actividades para camiñantes e veciños.

31 de maio de 2018 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.