publicidade hoxe

Navalia érguese como a testemuña do rexurdir do sector naval galego que afronta a súa recuperación con innovación, experiencia e calidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerdaVigo
A-
A+
O presidente galego na inauguración de Navalia 2018

O presidente galego na inauguración de Navalia 2018

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe a Navalia como a testemuña do rexurdir do sector naval galego que afronta a súa recuperación con innovación, experiencia e calidade.

Durante a apertura de Navalia 2018, Feijóo aseverou que este encontro volve cumprir coas expectativas e se consolida como unha das feiras do sector naval máis importantes no calendario internacional, cun incremento, na última convocatoria, dun 30% do número de expositores; cunha ocupación de case o 100% e cunha cifra de negocio estimada de 4.000 millóns de euros.

O titular do Goberno galego afirmou que con esa mesma confianza é coa que o sector naval galego afronta este exercicio. Coa confianza de saber que está inmerso nunha etapa de recuperación con datos moi esperanzadores, como, por exemplo, ter pechado 2017: con 29 contratos en vigor, cunha facturación global de case 2.000 millóns de euros e con 14.200 postos de traballo creados, aseverou, subliñando que máis do 30% do volume de traballo do sector en España está en Galicia.

Así mesmo, recordou que nos últimos tres anos os contratos en construción ou xa finalizados no conxunto dos estaleiros galegos suman 3.160 millóns de euros, coa previsión de que este bo comportamento que está a apuntalar a recuperación do sector se vai manter.

Neste esforzo por chegar a novos mercados, o presidente do Goberno galego destacou a aposta do sector pola innovación, pola Industria 4.0, para dar resposta a retos tecnolóxicos cada vez máis complexos que lle permitan diversificarse cara a novos segmentos a onde se dirixe o futuro do sector: construción de buques pesqueiros 4.0; fabricación 3D, propulsión marítima a través de GNL, comunicacións marítimas en banda larga no mar ou startups marítimas, temática das xornadas técnicas que se van celebrar no marco desta feira.

Neste sentido, incidiu na importancia de seguir impulsando a formación como ferramenta para que os profesionais que traballan nas empresas poidan actualizar os seus coñecementos e aprendan a manexarse nun contorno de traballo cada vez máis tecnolóxico.

Con este obxectivo, resaltou que a Xunta puxo en marcha o primeiro plan de formación dirixido especificamente a este sector e acorde aos novos perfís laborais que demandan as empresas: dotado con 12 millóns de euros, para formar a 3.000 traballadores e cunha oferta durante os vindeiros dous anos de 170 cursos que xa se están a impartir dirixidos a desempregados e ocupados.

“E, a maiores, xa temos en activo un total de 63 cursos de formación para ocupados en centros homologados que van beneficiar a 1.000 profesionais do naval, 800 na ría de Vigo”, engadiu.

O responsable do Executivo autonómico concluíu destacando o traballo e a determinación do sector, así como o éxito desta feira onde as máis de 600 marcas representadas e os case 400 expositores, procedentes de 90 países, reforzan o seu carácter internacional, situándose entre as catro mellores feiras de Europa.

Feijóo valorou tamén os últimos datos de exportacións do primeiro trimestre, onde Galicia, xunto co País Vasco e Baleares, foi a terceira comunidade na que máis creceron, cun incremento do 9,4%, fronte ao 1,8% da media en España.

22 de maio de 2018 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.