publicidade hoxe

Nava Castro destaca o compromiso de Galicia por un turismo inclusivo na inauguración do novo embarcadoiro accesible de Tomiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerdaTomiño
A-
A+
Nava Castro na inauguración do novo embarcadoiro

Nava Castro na inauguración do novo embarcadoiro

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na inauguración do novo embarcadoiro inclusivo do Espazo Natural do Miño, onde puxo de manifesto o crecente compromiso dos galegos cunha actividade turística sen barreiras con produtos e servizos que podan ser coñecidos por calquera persoa, sen distincións. Neste sentido, referiuse á aposta do Goberno galego por axudar aos concellos e ao sector nesta tarefa á hora de adaptar as súas infraestruturas e recursos, para o que este ano se conta cun investimento que rolda os catro millóns de euros.

Durante a visita a este concello pontevedrés, a responsable de Turismo da Xunta recordou a importancia que ano ano teñen iniciativas como a liña de axudas que convoca anualmente o seu departamento dirixida a concellos e entidades locais na procura da mellora das súa infraestruturas e recursos. Este ano ampliou a súa contía sumando máis de 3,8 millóns de euros e estendéndose, ademais, aos establecementos de aloxamento. “Afondamos así no noso traballo por consolidarnos como referentes dun modelo turístico responsable onde a cooperación con toda a cadea de valor do turismo nos está a permitir, ademais, levar os beneficios da actividade turística dun xeito repartido pola xeografía galega”, engadiu.

Xunto a esta liña de axudas, o Goberno galego traballa de xeito paralelo en varias liñas para afondar neste obxectivo, a través do Plan de accesibilidade turística de Galicia e do Camiño de Santiago, aliñado coa Estratexia do turismo de Galicia 2020, e que foi presentado hai case un ano. Conta cun investimento de preto de 3 millóns de euros e inclúe un conxunto de iniciativas que afondan na mellora da accesibilidade do noso destino, con especial atención ao espazo físico e á acollida de visitantes con necesidades de accesibilidade.

Facilitar a experiencia dos visitantes

Xunto a accións como o impulso a este embarcadoiro inclusivo do Concello de Tomiño, os traballos de Galicia neste eido son visibles, por exemplo, nas actividades formativas dirixidas ao sector para afondar na accesibilidade ou, no Camiño de Santiago, onde os establecementos da Rede de Albergues Públicos conta con habitacións e aseos adaptados e o de Melide e Ribadiso, convertéronse en pioneiros en acadar a accesibilidade universal.

As actuacións realizadas no embarcadoiro de Tomiño inauguradas hoxe foron posibles ao abeiro dun convenio de colaboración asinado o pasado ano con este concello pontevedrés e que, cun investimento de 150.000 €, permitiu a construción dunha rampa e pantalán que garante a accesibilidade de embarque e desembarque das persoas con diversidade funcional nesta parte do río Miño. “Facilitar a experiencia turística de todos os nosos visitantes, sen distinción é a nosa prioridade e o noso compromiso que sabemos que o sector e os galegos tamén fan seu”, concluíu Nava Castro.

Potencial turístico dos ríos galegos

O Río Miño é un claro protagonista neste municipio de Tomiño, que ofrece unha contorna natural privilexiada para aqueles que buscan espazos de natureza e actividade e aire libre. En xeral, toda a zona das marxes do propio río constitúe unha área de grande interese medioambiental e paisaxístico, óptimo para o turismo de natureza e turismo activo.

Ademais, esta actuación pon en valor as numerosas posibilidades no eido turístico que brindan os ríos galegos e nas que tamén se fixa a Estratexia de turismo de Galicia 2020, que se centra nunha das súas once liñas de traballo en promover o turismo fluvial, con especial énfase nos ríos Miño, Sil, Ulla e Tambre, así como nos encoros e que inclúe actuacións como as melloras nas infraestruturas ou a creación de produtos turísticos ao seu redor, entre outras iniciativas.

2 de maio de 2018 | 15:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.