publicidade hoxe

Mondoñedo é o primeiro concello que acada da Xunta a habilitación completa en materia de patrimonio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMondoñedoPortada esquerda
A-
A+
Román Rodríguez na sinatura do convenio co Concello de Mondoñedo

Román Rodríguez na sinatura do convenio co Concello de Mondoñedo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de habilitar ao Concello de Mondoñedo para autorizar as intervencións patrimoniais en todo o seu ámbito municipal, tal como queda establecido no convenio asinado hoxe entre o conselleiro Román Rodríguez, e a alcaldesa Elena Candia; ao que tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.

Deste xeito, Mondoñedo convértese no primeiro concello de Galicia que acada esta habilitación patrimonial dun xeito completo, para todo o seu territorio, logo de que a nova lei de patrimonio cultural (lei 5/2016) incorporase esta técnica descentralizadora. Desde o pasado mes de marzo tamén o Concello de Ourense ten esta habilitación, pero neste caso tan só de carácter parcial, porque atinxe unicamente ao núcleo de Seixalbo.

O conselleiro de Cultura explicou que, máis aló da tramitación puramente administrativa, esta habilitación ten unha destacable repercusión práctica na medida en que permite ao Concello axilizar os trámites administrativos e acurtar os prazos das intervencións no citado núcleo, pero garantindo totalmente a seguridade xurídica nos procesos.

Beneficioso para os veciños

Román Rodríguez subliñou tamén a importancia de avanzar na colaboración cos concellos, facéndoo a través dunha xestión máis fácil e eficiente que repercuta de xeito positivo no día a día das persoas. En palabras do conselleiro, o acordo de hoxe beneficia aos veciños de Mondoñedo porque lles será máis doado levar a cabo melloras como “arranxar unha vivenda, cambiar unha cuberta ou arranxar un cuarto de baño, por exemplo”.

Ao abeiro de dito convenio, o Concello de Mondoñedo estará habilitado para as intervencións que se refiran a bens catalogados integrantes do patrimonio arquitectónico ou etnolóxico e as súas contornas de protección e zonas de amortecemento. Non obstante, quedan fóra destas habilitacións os bens declarados de interese cultural, os bens catalogados do patrimonio artístico ou arqueolóxico, ou calquera ben incluído no ámbito territorial delimitado como Camiño de Santiago, así como os que sexan titularidade da Igrexa católica e as actuacións de salvagarda que promova a Consellería competente en materia de patrimonio cultural.

Planeamento e medios técnicos

Isto é posible porque, tal como establece a lei, o Concello de Mondoñedo cumpre cos requisitos esixidos como é contar cun planeamento urbanístico adaptado á Lei 2/2106, do Solo de Galicia, así como cun equipo de persoal técnico competente en materia de arquitectura, a arqueoloxía e a historia da arte.

Este acordo enmárcase dentro da Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia e dos acordos coa FEGAMP relativos aos trámites de autorizacións nos bens inmobles catalogados e declarados de interese cultural, os seus contornos de protección e as zonas de amortecemento de aplicación para a totalidade dos concellos de Galicia. O obxectivo é simplificar trámites e facilitar aos cidadáns os permisos de intervención nesta área.

Cómpre lembrar que a Consellería de Cultura está a desenvolver a mencionada Lei do Patrimonio co obxectivo de combinar a máxima protección do patrimonio sobranceiro de Galicia coa axilidade e a simplificación dos trámites interadministrativos.

16 de maio de 2018 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.