publicidade hoxe

Medio Rural intensifica a loita biolóxica fronte as enfermidades forestais elevando o orzamento aos 4,2 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBoqueixónLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
Ángeles Vázquez en Boqueixón

Ángeles Vázquez en Boqueixón

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asistiu esta mañá a unha solta de parasitos do gorgullo do eucalipto (Gonipterus platensis) no concello coruñés de Boqueixón, como parte da loita biolóxica contra este defoliador, que causa graves danos á árbore.

A conselleira, que estivo acompañada polo director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, destacou que estas medidas forman parte dun plan integral da consellería en materia de sanidade forestal, que só este ano conta cun orzamento de 4,2 millóns de euros, case o dobre que no 2017. Estes fondos dedícanse a loitar contra diferentes enfermidades forestais, como o propio gorgullo, a avespiña do castiñeiro ou o chancro que afecta esta mesma especie, entre outras.

Ángeles Vázquez indicou que todo este esforzo ten como obxectivo fundamental protexer a riqueza dos nosos montes e contribuír así ao mantemento dos aproveitamentos forestais, dun xeito sustentable, como fórmula para a xeración de riqueza e emprego no medio rural de Galicia.

No caso concreto do gorgullo, ao longo deste ano está previsto colocar unhas 10.000 bolsas de ootecas parasitadas (depósitos de ovos) de Anaphens nitens, un parasito natural do goníptero. Esta solta súmase ás realizadas en anos anteriores. Así, no 2016 e 2017 colocouse unha cifra semellante de ootecas (unhas 10.000 en cada exercicio).

Esta actividade compleméntase co inventario permanente de 174 parcelas de mostraxe para o estudo do defoliador e do seu parasito. Realízanse prospeccións semanais, co fin de coñecer con precisión a súa área de distribución, dinámica poboacional, evolución dos seus ciclos biolóxicos anuais e graos de defoliación, así como para avaliar os niveis de parasitación de Anaphes nitens.

Avespiña do castiñeiro

Tamén neste eido da loita biolóxica contra pragas forestais, a conselleira salientou o traballo realizado para frear a expansión da avespiña do castiñeiro. Neste sentido, Medio Rural ten previsto liberar este ano uns 790.000 individuos de Torymus sinensis, que parasitan as postas da avespiña (de nome científico Dryocosmus kuriphilus). Esta solta súmase ás realizadas dende 2015, que supuxeron a liberación de máis de 200.000 individuos en total.

14 de maio de 2018 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.