publicidade hoxe

Máis de 1000 estudantes da comunidade improvisan versos en galego na III edición da Regueifesta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañou esta mañá os máis de 1.000 estudantes chegados de 30 centros de toda Galicia para participaren na III edición da Regueifesta, un encontro destinado a impulsar a improvisación oral en verso como motor de normalización lingüística entre a xente nova, visibilizar a música galega como ferramenta educativa e de ocio e renovar o mundo da regueifa desde valores de igualdade de xénero e de xustiza social.

Valentín García destacou o valor “desta iniciativa destinada a animar a xente nova a expresar os seus puntos de vista e a divertirse en galego, recuperando para iso unha tradición que, lonxe de illarnos, nos conecta con outras linguas e outras comunidades”.

III Regueifesta

A Regueifesta é un encontro de estudantes que se celebra desde hai tres anos por iniciativa dos IES Maximino Romero de Lema de Baio e Marco do Camballón de Vila de Cruces co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Nesta III edición participan máis de 1000 estudantes chegados de 30 centros educativos de toda Galicia tras traballaren a improvisación oral en galego ao longo do curso.

A Regueifesta deste ano presentárona os regueifeiros Alba María e Josinho da Teixeira e os profesores impulsores do encontro, Manolo Maseda e Sechu Sende, coa colaboración dos nenos e nenas do Clube de Regueifa da Escola Semente (Santiago), o alumnado do IES Antonio Fraguas (Santiago), do proxecto Modelo Burela do IES Perdouro (Burela), do CEIP de Pobra de Trives, do IES A Cachada (Boiro), do IES Maximino Romero de Lema (Zas) e do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces). Ao longo de todo o evento, tivo protagonismo o estudantado procedente dos diferentes centros participantes e tamén unha delegación de bertsolaris e outra de glosadors adolescentes chegados do País Vasco e de Cataluña, respectivamente, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Uns e outros fixeron unha demostración das súas formas de improvisación.

No marco desta festa entregáronse tamén os doce premios do II Concurso Enreguéifate -impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Santiago e Teo- no que participaron case un cento de vídeo-regueifas.

A regueifa

A regueifa é unha cantiga improvisada entre dúas ou máis persoas que disputan en verso sobre un tema determinado. Trátase dunha das múltiples manifestacións de improvisación galegas, entre a que se poden sinalar tamén o brindo do Courel, as bombas de Vilariño de Conso ou os altos dos Xenerais do Ulla. Igualmente, pode poñerse en relación con outras tradicións literarias europeas -como a vasca dos bertsolaris ou a catalá dos glosadors- e mesmo co estilo libre da cultura hip-hop chegada dos EEUU, tal e como se fai na Regueifesta.

2 de maio de 2018 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.