publicidade hoxe

Kiel-Santiago: encrucilladas da diversidade lingüística europea reflexiona sobre o multilingüismo

Valentín García na presentación do volume

Valentín García na presentación do volume

Kiel-Santiago: Encrucilladas da diversidade lingüística europea aborda a reflexión sobre as linguas de Europa, con ou sen Estado, e foi presentado hoxe polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. O novo volume edítano o Centro de Estudos Galegos (CEG) da Universidade Christian Albrecht de Kiel (Alemaña), integrado na Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos da Xunta, e a Editorial Galaxia co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

García Gómez salientou “a importancia das novas achegas que ofrece este estudo, que sitúan a lingua galega entre o 5 % das linguas do mundo con máis dun millón de falantes, para a promoción do uso e a protección do idioma”, ao tempo que recordou que “a Xunta de Galicia prepara o primeiro plan de dinamización da lingua galega na mocidade, que incluirá entre os seus obxectivos a dinamización do uso do galego nas familias novas e na transmisión interxeracional da lingua, un dos aspectos nos que o novo traballo recomenda incidir desde as políticas lingüísticas”.

O secretario xeral estivo acompañado polo director do CEG de Kiel, Javier Gómez Montero; polo profesor e académico da lingua galega Xesús Alonso Montero; polo director de Galaxia, Francisco Castro; e mais pola subdirectora xeral de Política Lingüística, Lourdes Batán.

Novas reflexións arredor da diversidade lingüística

O Centro de Estudos Galegos (CEG) da Universidade Christian Albrecht de Kiel (Alemaña), pertencente á Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia, edita, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o novo volume Kiel-Santiago de Compostela: Encrucilladas da diversidade lingüística europea.

O libro, coeditado por Martín Vázquez e Facundo Reyna Munianin, aborda a reflexión sobre as linguas de Europa, con ou sen Estado, e concíbese desde dúas universidades europeas: a de Kiel e a de Santiago de Compostela. Artellado en catro ensaios escritos desde a sociolingüística (da autoría de Alastair Walker e Fernando Ramallo) e a reflexión antropolóxica (con textos de Xesús Alonso Montero e Javier Gómez-Montero), convirte cada un dos estudos que o configuran en pezas indispensables e complementarias que ofrecen como resultado final un volume coherente e equilibrado no que a segunda parte está dedicada á cantiga de Mendiño e ás súas dez traducións, como mostra da diversidade lingüística que é razón do propio libro.

22 de maio de 2018 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.