publicidade hoxe

Galicia aposta polo impulso do turismo marítimo como parte da estratexia de Crecemento Azul da UE no Comité Europeo das Rexións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou esta mañá na Comisión de Asuntos Naturais (NAT) que tivo lugar en Pilos (Grecia). No debate -liderado polo responsable de turismo costeiro e marítimo da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea e un representante da Rede de Rexións Europeas por un Turismo Sustentable e Competitivo (NECSTouR)- os líderes rexionais e locais, membros da Comisión NAT do Comité Europeo das Rexións, puxeron en común medidas para impulsar o turismo costeiro e marítimo na Unión Europea.

Durante a súa participación, Gamallo resaltou a importancia do turismo costeiro para as rexións europeas, que supón case un terzo da actividade turística comunitaria, e, en particular, para Galicia que conta con 72 municipios costeiros, máis de 1.500 quilómetros de litoral, 16 rías navegables e 900 praias.

Coa comunicación da Comisión Europea «Unha estratexia europea para un maior crecemento e emprego no turismo costeiro e marítimo» como base, os representantes das rexións europeas analizaron as accións que poden contribuír ao crecemento sustentable do sector e, ademais, ofrecer un impulso engadido ás rexións costeiras de Europa. Entre as medidas propostas destaca a promoción de asociacións interrexionais e agrupacións empresariais e o desenvolvemento de estratexias de especialización intelixente no turismo costeiro e marítimo.

Futuro da PAC

O futuro da Política Agraria Común (PAC) foi tamén unha das temáticas protagonistas da xornada. Ante a inminente proposta por parte da Comisión Europea do regulamento que estableza as características da PAC a partir do 2020, os representantes das rexións mantiveron un debate no que recordaron as principais esixencias defendidas polos seus membros. Así, recordaron a necesidade dunha política agraria forte, adaptada ás necesidades dos agricultores e suficientemente dotada de fondos no próximo Marco Financeiro Plurianual.

Cabe recordar que Galicia, a través da consellería de Medio Rural, traballa activamente para conseguir unha PAC que potencie exclusivamente aos agricultores activos e fomente a cooperación entre os mesmos, especialmente nos sectores da produción e a transformación. Outra das demandas é que os fondos da PAC garantan a competitividade das industrias agroalimentarias e defendan as rexións europeas produtoras de alimentos de calidade.

Promoción de dietas saudables e sustentables

Durante a reunión tamén se aprobou un ditame sobre Incentivos locais e rexionais para promover dietas saudables e sustentables na Unión Europea. Así, entre outras medidas, o Comité das Rexións pedirá á Comisión Europea que propoña modelos, aplicados polas rexións, para loitar contra o desperdicio dos alimentos e que fomente métodos de produción sustentables e modelos de consumo saudables.

Os líderes rexionais e locais, conscientes do importante rol que xogan nesta materia, consideran adecuado tamén a elaboración dunha Directiva da UE para a integración de programas obrigatorios de educación alimentaria nas escolas e que se avalíen as directrices establecidas para os comedores escolares e o cumprimento da lexislación establecendo controis en centros públicos e privados.

A Comisión NAT do Comité das Rexións europeo

Neste mandato, Galicia participa nas comisións de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións. A comisión NAT encárgase de temas como a Política Agrícola Común (PAC), o desenvolvemento rural ou a pesca.

O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

24 de maio de 2018 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.