publicidade hoxe

Francisco Conde destaca a bioeconomía forestal como a oportunidade para desenvolver unha economía verde que xere valor na cadea monte industria respectando o equilibrio medioambiental

Francisco Conde na clausura da xornada Xerando valor na bioeconomía forestal

Francisco Conde na clausura da xornada Xerando valor na bioeconomía forestal

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe, durante a clausura da xornada Xerando valor na bioeconomía forestal, organizada pola Axencia Galega da Industria Forestal, que a transición cara a bioeconomía forestal é unha oportunidade para desenvolver na Comunidade unha economía verde que xere valor na cadea monte industria respectando o equilibrio medioambiental “con especial influencia no contorno rural”.

Segundo Conde, esta transición permitirá facer un aproveitamento máis eficiente da madeira creando novos produtos e alternativas para o mercado a partir dunha materia prima biolóxica, sustentable e abundante en Galicia. E avogou por estimular a innovación e a colaboración entre todos os axentes económicos para que conflúa con outras industrias como a agroalimentaria, a química ou a construción para crear produtos derivados de novos usos da madeira.

O conselleiro explicou que a nosa Comunidade conta cunha sólida base para emprender a súa aposta pola bioeconomía forestal tanto desde o punto de vista industrial como administrativo. Así, a industria forestal en 2017 volveu superar os 2000 millóns de euros de facturación e marcou un récord exportador ao rebasar os 800 millóns de euros en vendas ao exterior. Desde o punto de vista administrativo, a entrada en vigor da Lei de implantación empresarial supuxo unha notable mellora da simplificación dos trámites, sobre todo na solicitude de permiso para a realización de talas grazas á posta a disposición dunha xanela única ou á tramitación mediante declaración responsable para casos de montes ordenados, talas de uso doméstico ou que veñan precedidas dunha expropiación: “Hoxe en Galicia é máis doado obter un permiso de tala que hai catro ou cinco meses”, asegurou e aclarou que a autorización expresa segue sendo necesaria para os montes de valor medioambiental e talas de madeira queimada.

Conde tamén incidiu na importancia dunha formación “orientada cara as novas tecnoloxías e ás novas necesidades da industria, introducindo habilidades na fábrica 4.0” para contar con man de obra cualificada e avanzou que se está a traballar no deseño dun Plan de formación específico para a industria forestal galega que complementará as medidas que xa están en marcha como as Unidades Formativas, os obradoiros de emprego ou o programa Aprol Rural, que este ano está destinado á contratación de desempregados en concellos do rural para labores relacionadas co forestal.

É precisamente na innovación e na formación onde está a base para que a industria forestal sexa máis forte e competitiva, diversificando a súa produción. En definitiva, trátase, segundo o conselleiro, de conxugar o aproveitamento sustentable dos recursos naturais da Comunidade co crecemento da industria e, para logralo, Galicia conta coa Axencia Galega da Industria Forestal, un organismo específico para xestionar esta transición e dar voz á industria.

16 de maio de 2018 | 15:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.