publicidade hoxe

Feijóo traslada o pésame ás familias dos dous falecidos e o apoio aos feridos e afectados pola explosión pirotécnica en Tui

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerdaSucesosTui
A-
A+
O presidente da Xunta na visita á zona da explosión

O presidente da Xunta na visita á zona da explosión

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe, na rolda de prensa do Consello, o pésame en nome de toda Galicia ás familias das dúas persoas falecidas e a solidariedade e apoio aos feridos e afectados pola explosión rexistrada na tarde de onte na parroquia de Paramos en Tui.

Feijóo, que se desprazou inmediatamente despois do Consello da Xunta ata o lugar da explosión, quixo primeiramente trasladar o pésame aos familiares e amigos das dúas persoas falecidas, “e quixera tamén trasladar a nosa solidariedade e apoio ás 37 persoas que resultaron feridas, 7 das cales son menores”, precisou.

Sobre a situación dos feridos, o responsable do Executivo autonómico indicou que, segundo os datos dos hospitais onde están ingresados, en ningún caso corren risco as súas vidas e só quedan ingresados seis pacientes e outros dous en observación.

“Queremos agradecer o labor de todos os profesionais sanitarios que os están atendendo e alentando”, aseverou, engadindo tamén un recoñecemento expreso aos equipos que traballaron desde arredor das 17.00 horas de onte, e que seguen traballando no lugar. Máis de 240 efectivos de emerxencias, ducias de axentes da Policía Nacional, Garda Civil, Autonómica e Local, varias dotacións de bombeiros que extinguiron os focos de lume, catro das cales mantiveron a vixilancia durante toda a noite, e tres helicópteros de extinción; persoal do 061, persoal sanitario do punto de atención continuada de Tui; así como servizos de urxencias e de planta do Hospital Público Álvaro Cunqueiro, do hospital Povisa e do hospital Fátima.

“En definitiva, un dispositivo amplo, profesional que, en primeiro lugar, rescatou os feridos, mantivo en todo momento a seguridade na zona e, agora mesmo, continúan cos labores de desentullo, coa esperanza de poder descartar que haxa máis vítimas e, posteriormente, para poder saber o impacto nos bens e patrimonios da explosión”, abundou.

Sobre este último punto, Feijóo quixo transmitir a todos os afectados unha mensaxe de proximidade e de tranquilidade en relación coas súas vivendas, bens e patrimonios afectados. Ao respecto, precisou que as primeiras estimacións, loxicamente aínda provisionais, apuntan que un número importante de vivendas quedaron completamente esnaquizadas pola explosión e moitas máis rexistran danos de diferente consideración.

Ante esta situación, o presidente da Xunta aseverou que tanto o Concello, como o Goberno central e Xunta están en permanente contacto para priorizar actuacións. “Primeiramente, axudas para realoxarse todo o tempo que sexa necesario”, explicou, subliñando que ata este momento, os veciños que perderon as casas foron realoxados en hoteis e están a recibir asistencia e apoio psicolóxico.

Así mesmo, a Cruz Vermella, está a colaborar a través dun dispositivo de albergue na zona, que prestou asistencia a 5 dos 30 evacuados.

A segunda liña de traballo que tamén se iniciou hoxe no Consello da Xunta é aprobar axudas aos afectados por danos nas súas vivendas para que poidan ser reconstruídas, co fin de que as familias poidan recuperar o antes posible a normalidade.

Con este fin, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda xa presentou un informe para aprobar unha orde de axudas similar á orde de axudas en relación aos lumes forestais sufridos no mes de outubro do ano pasado, e poder axilizar todas as axudas e indemnizacións necesarias para rehabilitar ou construír de novo as vivendas afectadas.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta quixo ademais poñer en valor os pasos que se están dando ao abeiro da investigación aberta para esclarecer os feitos. “Algo que tamén solicitan e merecen os afectados, pero que tamén queremos saber o conxunto dos galegos. Saber que foi o que ocorreu, que cousas se puideron evitar e, en consecuencia, establecer responsabilidades”, dixo, insistindo na necesidade de ser prudentes e esperar a que a investigación siga o seu curso.

Se ben o mundo da pirotecnia está sometido a unha normativa moi estrita e a autorizacións estatais, Feijóo anunciou que o Executivo autonómico trasladou á Delegación do Goberno a conveniencia dunha revisión polo miúdo de todas as pirotecnias instaladas na comunidade, tanto no eido da manipulación como de almacenamento. E referiuse tamén á necesaria colaboración cidadá, para que, “á mínima sospeita”, a poñan en coñecemento das autoridades”.

“En definitiva, o pésame polo falecemento confirmado de dúas persoas. O apoio e esperanza para os feridos.Unha mensaxe de tranquilidade para todas as familias que perderon as súas casas e os seus bens; non imos escatimar esforzos. Agradecemento a todos os profesionais que traballaron de forma rápida, comprometida e coordinada e ao presidente Rajoy e a todas as administracións que estiveron traballando desde o principio neste sinistro. E, por último, investigación completa para aclarar o sucedido e tentar que non volva suceder”, concluíu a modo de resumo.

24 de maio de 2018 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.